Flashmob en Gondomar a ritmo de Tanxugueiras

Hoxe venres 28 de xaneiro, arredor das 12:15 horas da mañá, un grupo de 70 persoas formado por alumnado, profesorado e persoal de limpeza do IES Auga da Laxe de Gondomar, realizou no centro do municipio, na Praza da Paradela, ao lado do Concello, unha flashmob-coreografía do tema “Terra”, que Tanxugueiras defenderá mañá na final do Benidorm Fest para elixir a canción que representará a España no Festival de Eurovisión. Esta coreografía é o resultado dun traballo intensivo destes últimos dez días, promovido polo profesorado de Educación Física do instituto, e nel participou alumnado de secundaria e bacharelato ademais doutros membros da comunidade escolar (profesorado, persoal non docente).