Avicolor Pinturas gaña o concurso de decoración de Nadal de Baiona

A decoración do establecemento Avicolor Pinturas resultou gañadora do primeiro premio do Concurso “Decorando Baiona no Nadal” convocado polo Concello de Baiona, en colaboración coas asociacións de empresarios ACEBA, COEMSA e OVALMI, dotado con 500 euros. O segundo galardón foi para Náutica Estelas, dotado con 300 euros, mentres que o terceiro levouno Naútica Vento, provisto con 200 euros. O obxectivo do certame é promover e incentivar a creatividade comercial de Baiona á hora de presentar os establecementos, facelos máis atractivos ao consumidor ou consumidora reforzando a imaxe dos mesmos e dinamizar o comercio local durante as datas do Nadal.

O xurado encargado de ditar fallo estivo composto por persoas da directiva das asociacións de empresarios presentes no municipio, unha persoa destacada relacionada coas artes escénicas e dous funcionarios do Concello. Entre os criterios de valoración, o xurado valorou aspectos como o engalanamento da fachada, o escaparate e a decoración interior dos comercios, o deseño e calidade, os materiais de refugallo empregados, a innovación, e o traballo e a dedicación na elaboración.

En total, foron dezaseis os establecementos que participaron nel, aos que o Concello de Baiona quere agradecer moi especialmente o seu esforzo e dedicación para lograr que durante estas festas as rúas ofrecesen alegría a través das súas fachadas, escaparates e interior. Desde a Concellería de Cultura, encargada de organizar o concurso, animouse aos negocios a converterse nun referente comercial decorativo coa intención de que esta actividade atraese aos veciños e veciñas a gozar dunha contorna ambientada coa singular decoración que animara ás compras do Nadal no comercio da Vila.

O salón de plenos do Concello de Baiona foi o escenario que acolleu o acto de entrega dos premios e os diplomas do concurso “Decorando Baiona no Nadal”. No acto estivo presente o Alcalde, Carlos Gómez, e a concelleira de Cultura, Miriam Costas. O rexedor agradeceu e felicitou ás persoas gañadoras pola súa participación no concurso e pola súa contribución a dar ese especial toque do Nadal á vila e atraer ao público con este tipo de actuacións.