Gondomar celebra o seu XXXIX Certame de Rondallas de Reis

O ano 2021, debido á pandemia, foi a segunda ocasión na que as Rondallas non desfilaron polas rúas de Gondomar xunto ao Nadal do 39, en plena Guerra Civil, en toda a historia do certame, e por iso, as ganas de retomar a normalidade déixase notar no número de participantes que confirmaron a súa asistencia, concretamente un total de 12 agrupacións, practicamente todas as que están activas na actualidade na provincia. Todas ensaian xa as súas pezas musicais contemporáneas, moitas delas de ritmos pop e rock, máis alá das tradicionais panxoliñas, actualizando o seu repertorio cos arranxos que as propias agrupacións fan sobre as partituras.

Melodías que encherán as rúas de Gondomar, o vindeiro domingo 30 de xaneiro, no XXXIX Certame de Rondallas de Reis que comezará ás 10:40 horas, momento no que sairá a primeira agrupación da quenda da mañá, e a partir das 16:30 horas na quenda de tarde, desfilando as 12 rondallas participantes cun intervalo de 20 minutos entre cada unha delas. Cubrirán o percorrido tradicional baixando pola rúa Eduardo Iglesias, desde onde accederán á Praza da Paradela, onde interpretarán o seu repertorio para unha vez finalizado abandonar a praza para baixar de novo por Elduayen.

Sen dúbida, coma sempre, o momento cume é o do saúdo entre rondallas que se asina co cruzamento de bandeiras entre agrupacións que, como marca a tradición, terá lugar na intersección entre a rúa Eduardo Iglesias e a rúa Elduayen.

“Coas máximas garantías e control desenvolveremos esta nova edición do noso certame histórico e benquerido, do que poderemos gozar un ano máis grazas á implicación de todas as rondallas participantes e a veciñanza”, sinala o rexedor Paco Ferreira, quen lembra que se trata do certame más lonxevo da provincia para o que no 2021 a corporación municipal presentou a solicitude para que se recoñeza como festa de interese turístico de Galicia.

Rondallas participantes

As participantes nesta ocasión serán Santa Eulalia de Atios (Porriño); Rondalla de Santiago de Parada de Nigrán; Rondalla de Santa Eulalia de Mos; a Rondalla de Vincios (Gondomar); Rondalla A Merced de Chaín (Gondomar); a Rondalla de Herville (Mos); Rondalla Centro Cultural Helios de Bembrive; Asociación Cultural Musical Rondalla de Pontellas (O Porriño); Santiaguiño de Guizán (Mos); Rondalla do Centro Cultural de Beade (Vigo); a Rondalla CVC de Valadares (Vigo); e, a Rondalla Mosteiro-Pexegueiro.

Festa de Interese Turístico

O pasado mes de novembro a corporación municipal aprobou por unanimidade iniciar os trámites ante a Xunta de Galicia para que este certame sexa declarado “Festa de Interese Turístico” ao cumprir todos os requisitos necesarios para este recoñecemento ao ser unha de máis arraigadas e lonxevas tradicións do Nadal en Gondomar, converténdose nun símbolo distinto dos fastos natalicios na localidade.

Ademais vén apoiada pola súa historia que xustifica a antigüidade, arraigamento, valor e continuidade no tempo, ao interromperse só en dúas ocasións: o Nadal do 39 co país en guerra e no 2021 como consecuencia da pandemia. O alcalde, Paco Ferreira, móstrase confiado en que se logrará a Declaración de Festa de Interese Turístico porque “cada ano son miles as persoas que se achegan a Gondomar para presenciar o desfile das rondallas da provincia que, no seu calendario, sempre teñen marcada esta data para dar o mellor nas nosas rúas”.

O XXXIX Certame de Rondallas de Reis de Gondomar celebrarase o vindeiro domingo entre as 10:30 e as 13:20 horas, pola mañá, e, entre as 16:30 e as 18:00 horas, na quenda da tarde.