Manifesto Miñor preguntará no pleno pola viaxe do alcalde e da concelleira de Turismo a Fitur

Esta fin de semana, o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e a concelleira de Turismo, Rocío Goberna, acudiron a Fitur. Manifesto Miñor preguntará no vindeiro pleno por esta viaxe oficial xa que “segundo puidemos saber pola reportaxe fotográfica que compartiron polas redes sociais do Concello, alcalde e concelleira foron en viaxe oficial para presentar un rueiro da vila de Gondomar que mesmo parece que fixo na presente lexislatura o goberno municipal”.

“O que se lles esqueceu contarnos á veciñanza de Gondomar é que ese rueiro é un traballo deseñado e impulsado polo compañeiro de Manifesto Miñor, Xosé Antón Araúxo, cando era concelleiro de Turismo no 2018. Nunha nova de ValMiñorTv de setembro dese ano, xa se anuncia a publicación do devandito rueiro, financiado polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra”, recorda Antonio Araújo.

“O importante do asunto non é só que o actual goberno municipal se apropie do traballo dos compañeiros do goberno que naquela altura formaban parte do bipartito (MM-PSOE); o verdadeiramente grave é que logo de case tres anos de goberno, a concelleira Rocío Goberna non fixera nada para dinamizar o turismo local. De feito, en xaneiro de 2019 xa denunciamos que tras a expulsión dos concelleiros e da concelleira de Manifesto Miñor do goberno, a Concellería de Turismo quedou desmantelada”, afirma Araújo.

“Sabemos que a partida orzamentaria da Concellería de Turismo, ata que o señor Alcalde se digne a facer uns novos orzamentos, é moi escasa. Agora ben, iso non xustifica a falta de traballo da concelleira actual e de todo o goberno municipal coa actividade turística. Por último, na situación actual, non parece xustificable o desprazamento de dúas persoas a Fitur (no que seguramente se gastaría un importe duns 1000 ou 1200 euros, é dicir, máis dun 15% do orzamento actual da Concellería) para presentar un traballo antigo que xa estaba presentado e repartido por todos os establecementos de Gondomar. Así pois, no vindeiro Pleno municipal preguntaremos por esta viaxe e polo traballo desempeñado pola Concellería de Turismo no último mandato”, conclúe Araújo.