Gondomar celebra o Día de Educación Ambiental coa plantación de máis dunha veintena de árbores

Un ano máis o Concello de Gondomar, a través da Concellería de Medio Ambiente, sumouse á celebración do Día de Educación Ambiental, xornada que se celebra o 26 de xaneiro co obxectivo de concienciar e sensibilizar ás persoas con respecto aos problemas ambientais da contorna. Na actividade participou o alumnado de 2º de primaria do CEIP Chano Piñeiro.

Durante a mañá plantáronse un total de 24 novas especies doadas pola Deputación Provincial de Pontevedra, en base a un programa de colaboración con concellos cuxo obxectivo principal é lograr a recuperación de zonas verdes e crear espazos máis habitables e sostibles para as súas poboacións. No caso do Concello de Gondomar, as actuacións centráronse no Parque das Rosas e no de Baixa Redonda.

Os pequenos e pequenas traballaron con ilusión e moita implicación durante a mañá no Parque das Rosas, onde seguiron as instrucións dos técnicos que colaboraron nas labores de localización e plantación das novas especies, ás que tamén sumáronse o alcalde, Paco Ferreira, a deputada provincial, Iria Lamas, e o concelleiro de Medio Ambiente, Brais Misa. Así na parte traseira de edificacións existentes no Parque das Rosas situáronse un total de 9 árbores, concretamente 4 liquidambar e 5 hebe sp.

Na zona de paso, xunto ao río, plantáronse un total de 4 tsugas canadensis, tamén coñecidos como abetos orientais, aos que se sumaron un pouco máis adiante do paseo 5 camelios co obxectivo de completar con sucesivas plantacións en anos posteriores co fin de acadar un bosquexo. Finalmente, na zona do parque Baixa Redonda plantáronse 3 quercus rubra ou carballos vermellos e 3 “quercus acutissima” ou carballo de dentes serra, nunha zona de paseo na que xa existen especies similares.

O alcalde Paco Ferreira, acompañado pola deputada provincial Iria Lamas, felicitou aos mozos e mozas polo entusiasmo demostrado así como a súa implicación na defensa do medio ambiente “porque son e serán o fío condutor entre xeracións pasadas e futuras para lograr a educación de toda a sociedade para que entendan o medio ambiente, a súa importancia e a necesidade de manter o equilibrio entre home e natureza”.