O PP considera abusivas as taxas do cemiterio que a Entidade Local de Morgadáns quere impoñer

O Partido Popular de Gondomar, por medio do seu vocal na Entidade Local Menor de Morgadáns, José Antonio Ramilo, presentou as únicas alegacións á aprobación da ordenanza fiscal reguladora dos dereitos ou taxas pola prestación dos servizos do cemiterio da Entidade, ao considerar que o presidente da Entidade Local Menor pretende que os veciños paguen prezos desorbitados polos servizos do cemiterio, con taxas moi superiores ás que se pagan nos concellos dos arredores.

Argumenta que para esta aprobación o presidente non achegou os informes preceptivos e obrigatorios de Secretaría e Intervención, polo que o acordo podería ser nulo de pleno dereito pola falta de documentación obrigatoria no expediente. No escrito de reclamacións, ademais da falta de documentación, José Antonio solicita do presidente da Entidade que se reflictan nesta Ordenanza as condicións para a concesión dos cinceiros, establecendo unha taxa de concesión de 150 euros por período de 50 anos renovable ata o máximo legal, xa que na proposta de ordenanzas non se establecen as condicións para a súa concesión. Pide tamén que se rebaixen as taxas por concesión de nichos a 1.000 euros, que o presidente da Entidade propón en 1.800 €, superando en moito o que se paga nos cemiterios municipais da contorna. “Segundo o presidente da Entidade, o orzamento para a construción dos nichos ascende a 96.800 €, e co prezo que el quere poñer os ingresos pola concesión dos mesmos serían de 183.500 €, case o dobre do que custan”, apuntan os populares.

O vocal do Partido Popular pediu ademais rebaixar a 20 euros a taxa por expedicións de licencias de exhumación e inhumación, que o presidente propón en 100 €, e recorda que incluso hai concellos que nin tan sequera cobran por esta licenza. “Se nun nicho hai que exhumar para enterrar no mesmo día a factura sería importante. Taxa exhumación 100 € + Taxa Inhumación 100 €+ pago enterrador sobre 80 € + pago por exhumar sobre 220 euros, estaríamos nos 500€ + IVA”, argumenta.

Agora a Ordenanza ten que volver a Pleno para a aprobación final e o vocal do PP gondomareño pide que o presidente da Entidade recapacite e teña en conta as reclamacións que presentou, pensando nos veciños. “Os veciños de Morgadáns teñen dereito a ser tratados por igual e pagar o que corresponde polo servizo do cemiterio, non máis que ninguén polo mesmo servizo”, remata dicindo José Antonio Ramilo.