O Vigo-Rías Baixas, entre os 12 equipos oficiais da Copa de España 2022

A Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) deu a coñecer a relación de equipos que deberán ser convidados polos organizadores das once probas da Copa de España 2022 e nesa lista de doce formacións atópase o Vigo-Rías Baixas. Deste xeito, a estrutura presidida por José Luis Chamorro ten garantida a súa presenza en todos os eventos que compoñen este ano o calendario do certame máis prestixioso do pelotón Elite-Sub23 estatal. Un circuíto que concluirá o 15 de maio co conxunto flúor exercendo de anfitrión na súa cidade.

Desde 2015 o Vigo-Rías Baixas é un fixo na Copa de España. En 2020 quedou ás portas de adxudicarse a xeral Elite co uruguaio Mauricio Moreira e durante os últimos meses a escuadra olívica reforzouse para volver brillar nesta competición durante a tempada que está a piques de arrancar. Os oito fichaxes realizados para o novo curso cumpren co requisito de idade que establece o certame estatal e son corredores sub25.

A pasada campaña o proxecto encabezado por Chamorro deu un paso máis na súa relación coa Copa e organizou a primeira edición da Vigo Copa España. Unha carreira que resultou un éxito organizativo e tamén deportivo porque o nivel da proba quedou de manifesto ao contar cun podio cuxos tres compoñentes deron o salto ao ciclismo profesional.

O calendario completo da Copa de España 2022 é o seguinte:

27 de febreiro – 56 Circuito do Guadiana – Don Benito (Badaxoz)

6 de marzo – XXXI Trofeo Guerrita Memorial Juan Romero e Diego Sánchez – Alcantarilla (Murcia)

13 de marzo – XVIII Aiztondo – Asteasu (Guipúscoa)

20 de marzo – Pissei Memorial Pascual Momparler – Villanueva de Castelló (Valencia)

21 de marzo – LXVIII Gran Premio de Primavera Ontur – Ontur (Albacete)

3 de abril – XXXVIII Clásica Cidade De Torredonjimeno Copa de España – Torredonjimeno (Xaén)

10 de abril – 51 Memorial Valenciaga – Eibar (Guipúscoa)

24 de abril – XI Clásica Valladolid Memorial Ángel Lozano – Valladolid

1 de maio – LXXXVIII Santikutz Klasika – Legazpi (Guipúscoa)

7 de maio – Clásica de Pascua – Roteiro Xacobeo – Padrón (A Coruña)

15 de maio – Vigo Copa de España – Vigo (Pontevedra)