O PP de Baiona critica o atraso na publicación da ordenanza das vivendas sociais de Sabarís

O Partido Popular de Baiona asegura nun comunicado que o goberno local “deu mostra novamente do seu descontrol e da súa despreocupación polas familias máis vulnerables do noso municipio tendo nun caixón durante oito meses a ordenanza que se aprobou por unanimidade no pleno do pasado mes de abril de 2021 para que as vivendas destinadas a emerxencia social no edificio da rúa Doutor Benito Fariñas de Sabarís puidesen ser utilizadas naqueles casos en que o departamento de Benestar Social así o considerase”.

Non foi ata esta semana, oito meses despois, cando o tripartito volveuse a acordar desa normativa para publicala no BOP, trámite imprescindible para que o regulamento entrase en vigor de forma inmediata. “É lamentable -opinan os populares- que este goberno permitiuse ter as vivendas pechadas durante tanto tempo, simplemente por non facer un mero trámite administrativo que non tiña maior complexidade. Unha vez pasado o período de alegacións dun mes, bastaba con enviar á Deputación o anuncio para que en prazo aproximado dunha semana publicásese e entrase en funcionamento, pero nin diso foron capaces”.