IV Xuntanza dos Arroases do Val Miñor en Panxón

O Porto de Panxón acollerá este domingo día 16 de xaneiro a IV Xuntanza dos Arroases do Val Miñor, prevista inicialmente para o pasado 26 de decembro, e cancelada polas condicións meteorolóxicas. Trátase dunha nadada non competitiva para desfrutar do deporte da natación nas “quentes” augas do Val Miñor. A saída será con puntualidade ás 11.00 dende o Porto de Panxón. Recoméndase chegar con tempo para aparcar, recoller o gorro conmemorativo, entregar os alimentos solidarios e prepararse para a nadada.

O percorrido é totalmente costeiro: dende o principio de Panxón ata a boia que colocarase fronte ao faro de Praia América, coma o ano pasado. Son 1.500 metros. Os participantes estarán acompañados por ByS Ría de Vigo, Protección Civil e embarcacións lixeiras do Club Marítimo de Panxón, que un ano máis colabora coa Xuntanza. Este ano póñense horarios fixos de nadada, para evitar aglomeración nas saídas, haberá que baixar ata a auga con máscara e alí a depositarase nun contedor antes da nadada.

Os horarios de saída son:

  • Grupo 1: Ritmo 2 a 2:30 min/100m ás 11:00 horas
  • Grupo 2: Ritmo 1:50 a 2min/100m ás 11:15 horas
  • Grupo 3: Ritmo 1:30 a 1:50/100m ás 11:30 horas

En Panxón farase entrega dun gorro de natación conmemorativo do evento e dunha máscara de protección sanitaria na saída. Ambos agasallos forman parte da colaboración do Concello de Nigrán coa proba solidaria. Os alimentos entregaranse directamente aos Servizos Sociais do Concello de Nigrán no propio porto pesqueiro. As principais necesidades son produtos de limpeza e hixiene, conservas e aceite.