Baiona mellora a accesibilidade en Belesar cun muro de contención na zona da Figueira

O Concello de Baiona culminou os traballos de mellora da accesibilidade na zona da Figueira, en O Urgal, en Belesar. A obra, financiada a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e adxudicada por un importe de 43.497,10 euros, consistiu na construción dun muro de contención do camiño, con perpiaños de pedra gris de ata 4 metros de altura e cunha lonxitude duns 40 metros de longo. Unha intervención moi necesaria xa que representaba un perigo para as familias que residen nesta zona. No proxecto tamén se contemplou a ampliación do camiño co fin de facilitar aos veciños e veciñas o acceso ás súas vivendas e leiras agrícolas. Así mesmo, arranxouse e asfaltouse o viario xa que o pavimento estaba moi deteriorado. Os traballos consisten na mellora da accesibilidade e inclúen a instalación dunha varanda protectora para a seguridade dos viandantes e os vehículos.

Desde a Concellería de Vías e Obras, Óscar Martínez, lembra que o goberno municipal traballa para buscar solucións e mellorar as condicións dos veciños e veciñas das parroquias: “O noso deber é que as veciñas e os veciños de Baiona teñan acceso aos mesmos servizos, independentemente do lugar no que residan”. Pola súa banda o Alcalde, Carlos Gómez Prado, destaca que “a mellora da accesibilidade e mobilidade de diversos barrios, o arranxo de viarios, o asfaltado de vías e a recuperación de espazos, forman parte das obras que puxemos en marcha para continuar coa nosa intención de seguir poñendo en valor as nosas parroquias, sempre co obxectivo de mellorar o día a día da cidadanía. Proxectos que nacen das demandas que nos trasladou a cidadanía a través da participación cidadá”.