O Monte Real Club de Yates encherá 2022 de competición, diversión e espectáculo

O Monte Real Club de Yates de Baiona ultima os detalles para dar comezo, en apenas uns días, á súa tempada deportiva de 2022, na que a competición, a diversión e o espectáculo serán os ingredientes principais.

O evento máis destacado do seu calendario é, sen dúbida, a celebración, o próximo mes de maio das prestixiosas 52 SUPER SERIES, unha das citas náuticas máis importantes do mundo, consideradas a “Fórmula 1 do mar”. Do 23 ao 28 de maio, entre 10 e 12 equipos de máis de 8 nacionalidades con regatistas dos 5 continentes competirán nas Rías Baixas a bordo de barcos únicos coa tecnoloxía máis vangardista.

Outro dos eventos que centrará o foco dos amantes da vela en Galicia será o Campionato de España da clase J80, que se celebrará en Baiona do 15 ao 18 de setembro. A cita máis importante dos 8 metros a nivel nacional volve a Baiona catro anos despois de ser organizada polo Monte Real Club de Yates, que posúe a frota destes monotipos máis importante do noroeste peninsular.

O club que preside José Luis Álvarez tamén repite, neste caso por undécimo ano consecutivo, na organización do Campionato Galego de A Dous, que o 11 de xuño reunirá a algúns dos regatistas máis intrépidos da comunidade para demostrar a súa valía con tripulacións reducidas ao máximo.

En 2022 regresan, ademais, os catro grandes clásicos do club: o Trofeo Príncipe de Asturias, que volverá incluír a entrega dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda; o Trofeo Conde de Gondomar, coa mítica subida de case 100 millas ata o Carrumeiro Chico; o Trofeo Repsol, durante a primeira fin de semana de maio; e o Trofeo Comunica, a finais de abril.

Haberá, ademais, 11 xornadas de competición exclusivas para os J80, que se repartirán en dúas ligas: a Liga de Inverno Baitra, de xaneiro a abril; e a Liga de Outono, de outubro a decembro.

Tras o éxito de participación da edición anterior, o Monte Real repetirá o Roteiro polas Rías Baixas, unha travesía non competitiva destinada a percorrer o Camiño de Santiago por mar e gañar o Xubileu. E este ano, como novidade, o Monte Real organizará tamén unha clasificatoria da clase Láser.

Será, de xeito evidente, un ano intenso para o club baionés, no que ademais da competición, a diversión e o espectáculo, tamén terán cabida as accións solidarias e de responsabilidade social, a maior parte delas impulsadas a través da súa Escola de Vela Adaptada.

O Monte Real reafirmará, unha vez máis, o seu compromiso social coas persoas con discapacidade, ofrecendo, durante todo o ano, cursos e actividades destinadas a favorecer a súa inclusión e que poidan navegar en igualdade de condicións. Desde que se puxo en marcha hai xa unha década, este apartado do club non fixo máis que crecer, e o que nun principio se limitada a persoas con diferentes discapacidades (físicas, sensoriais, intelectuais ou psíquicas) foise ampliando a persoas maiores, nenos tutelados, nenos con problemas de conduta e mulleres vítimas de violencia de xénero.

A aposta pola muller será outro dos eixos da tempada 2022 do Monte Real, con diversas propostas para impulsar a súa participación en competicións e eventos. Ademais, o club volverá organizar un ano máis a Final da Liga Nacional Feminina de Vela, que se disputará o próximo outono.

Cursos de vela lixeira e cruceiro no marco da Escola de Vela MRCYB, actividades de coaching e team building para grupos e empresas, e charlas e clinics para regatistas son outras das propostas que ofrecerá o Monte Real Club de Yates no que será o seu primeiro ano como membro do International Council of Yacht Clubs (ICOYC), do que forma parte desde o pasado mes de decembro xunto cos 44 clubs máis prestixiosos do mundo.