Máis do 95% da poboación galega maior de 12 anos está vacinada coa pauta completa

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, agradeceu á ministra de Defensa, Margarita Robles, a súa visita de hoxe ao punto de vacinación covid emprazado no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra. Así mesmo, no transcurso da visita en que acompañou á ministra, tamén agradeceu a todo o sistema de vacinación galega o seu traballo que posibilita que Galicia se sitúe nos primeiros postos de vacinación de todo o Estado. Ao respecto, cómpre remarcar que a nosa comunidade é a que ten máis poboación maior de 12 anos vacinada con pauta completa, máis do 95%. Igualmente, tamén é a comunidade con máis nenos e nenas de entre 5 e 11 anos coa primeira dose posta, un 60%, e, así mesmo, lidera a porcentaxe de poboación con dose de reforzo en todos os grupos de idade.

A Xunta de Galicia agradece ao Ministerio de Defensa a incorporación dos equipos militares de vacinación aos puntos establecidos polo Goberno galego. A nosa comunidade autónoma propuxo ao Ministerio que estes equipos se instalasen nas áreas de Ferrol e Pontevedra, que son as máis pequenas, e que se sumasen ao proceso de vacinación en puntos masivos, que tan bos resultados están a dar.

Sinalar que o persoal de Defensa xa leva uns días incorporados, e a súa colaboración supón engadir o esforzo duns 20 profesionais máis ao equipo de entre 400 e 500 persoas que a Xunta mobiliza cada día nos puntos de vacinación masiva de Galicia.

Respecto dos obxectivos establecidos na conferencia de presidentes celebrada o 22 de decembro, Galicia xa cumprira o 13 dese mes o propósito marcado para final de ano de ter vacinada con doses de reforzo ao 80% da poboación de 60 a 69 anos. Tamén se fixou nesa reunión, para o mes de xaneiro, chegar ao 80% de doses de reforzo na poboación de entre 50 e 59 anos, e hoxe Galicia xa ten a dose de reforzo administrada ao 90% deste grupo de idade.