Gondomar leva a Cabalgata de Reis ás parroquias

Debido ao incremento de casos activos no municipio, o Concello de Gondomar paseará ás Súas Maxestades de Oriente en vehículos descapotados para favorecer o recibimento por parte dos cativos. A veciñanza de Gondomar xa non ten escusa para non saudar aos Reis Magos este mércores día 5, pois Melchor, Gaspar e Baltasar farán un longo percorrido por cada unha das parroquias do municipio dende ben cedo, para que ninguén se quede sen velos.

Partirán dende o Pavillón Municipal “Bernabé Costas de Miranda” ás 10:30 horas da mañá, visitando Vilaza (Centro Residencial Vila do Conde e Centro Cultural), Vincios (Centro Cultural), A Pasaxe, A Fraga, subirán ver as vistas do Monte Galiñeiro, continuarán dirección Prado, Vilas, e ás 12:00 estarán na Entidade Local Menor de Morgadáns, recibidos polo seu Presidente. Ás 12:15 horas partirán rumbo a Chaín (Centro Cultural), baixarán cara o centro de Gondomar, para volver subir a Peitieiros (Centro Cultural) ás 13:00 horas e posteriormente saír cara Couso (Centro Cultural e Capela dos Remedios), e volver ao centro da Vila, rotonda da CDL, Elduayen, A Feira, Eduardo Iglesias, San Bieito, Emigrante, e rematar finalmente na Praza Paradela en torno ás 14:00 horas.

Xa pola tarde, o percorrido comeza ás 15:30 horas para dirixirse á parroquia de Borreiros (Centro Cultural) ás 16:00 horas. A continuación sairán dirección San Cibrán, Portavedra, baixada cara Nande, Pereiro, ata chegar a Donas (Centro Cultural), para continuar dirección Mañufe (Torreiro da Igrexa), e rematar novamente na Praza Paradela ás 18:00 horas, onde os Reis serán recibidos polo alcalde e concelleiros do Goberno.

Durante o percorrido e para coñecer en tempo real onde se atopa a Cabalgata poderase consultar o seguinte enlace de Google Maps: https://cabalgatareismagosgondomar.geocecop.com