Baiona achegará 36.000 euros ao ano para o transporte metropolitano da área de Vigo

O Concello de Baiona rubricou a renovación do convenio de colaboración coa Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia para o desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano de Galicia na área de Vigo. Desde o Concello de Baiona apostouse por rubricar este convenio para que os veciños e veciñas da vila poidan seguir gozando dos descontos de viaxar no transporte público e que permite seguir abaratando o prezo do billete do bus ás persoas usuarias e con sistema de bonificacións que non penaliza o transbordo entre as diferentes zonas da área.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, sinala que se asumiu o convenio “por responsabilidade e para beneficio de todas as baionesas e baioneses, a pesar de que o transporte regular é unha competencia exclusiva da Xunta e non municipal”. A adhesión ao convenio de transporte metropolitano supón a Baiona un gasto anual de 36.002 euros. Baiona é o cuarto municipio da área que máis cantidade de gasto soporta, ao pasar de 29.214 de entrega en 2015 aos 36.002 en 2022. O convenio está financiado ao 80% pola Xunta, que achega 1,4 millóns de euros ao ano, e ao 20% polos concellos, con 283.000 euros. Ten como finalidade abaratar o prezo do billete aos usuarios e fomentar o transporte público.

O Concello de Baiona ratificou esta liña de colaboración polas melloras que supón para os veciños e veciñas de Baiona usuarias do servizo. Carlos Gómez indica que “queremos continuar coas accións de promoción do transporte público e fomentar unha mobilidade sostible, unha cuestión pola que desde o Concello de Baiona faise unha aposta clara”. “Ademais, pretendemos axudar ás persoas que utilizan o autobús non só no abaratamento do prezo do transporte, tamén coa simplificación dos prezos mediante unha tarifa zonal e despenalización do transbordo, contribuíndo á integración dos sistemas de transporte interurbano e urbano”.