A Xunta ingresa o complemento extraordinario a preto de 36.000 perceptores das pensións non contributivas

A Xunta de Galicia ingresou xa o complemento extraordinario para os preto de 36.000 perceptores de pensións non contributivas da nosa Comunidade. Adiantou esta axuda destinada aos pensionistas de xubilación e invalidez na súa modalidade non contributiva, a persoas anciáns e enfermas perceptoras do fondo de asistencia social e ás persoas con discapacidade que perciben o subsidio de garantía de ingresos mínimos.

O Goberno galego investiu preto de 7 millóns e medio nesta achega, que beneficia a un colectivo que o necesita moi especialmente. O ingreso realizouse por oficio o a todos os beneficiarios que reúnan os requisitos e ascende a 206 euros por persoa.

Galicia foi das poucas comunidades que mantivo de xeito ininterrompido durante os últimos anos este complemento, que non é obrigatorio, senón que son as propias comunidades autónomas as que deciden o seu mantemento.

Adianto na Risga

Así mesmo, a Administración autonómica tamén adiantou o ingreso da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) para antes do Nadal para que todas as persoas que precisen puidesen contar coa axuda antes destas datas tan sinaladas.