A práctica totalidade de Nigrán terá cobertura de internet ultrarrápida no próximo ano 2022

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, vén de anunciar que ao remate do próximo ano a práctica totalidade do Concello de Nigrán contará cunha conexión a internet ultrarrápida. Así llo comunicou ao alcalde de Nigrán, Juan Gónzalez, durante a reunión que ambos representantes mantiveron en días pasados para abordar as diferentes inversións do Goberno no municipio.

A actuación, que será implementada por Teléfonica —a empresa adxudicataria—, engloba a execución de 74 proxectos para levar a banda ancha de última xeración ata 822 vivendas e empresas da localidade a través da fibra e enmárcase no Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión ÚNICO-Banda Ancha.

En todos os casos, as actuacións realizaranse en “zonas brancas de cobertura”, é dicir, en áreas que non teñen cobertura de redes de banda ancha nin tampouco teñen previsión para recibila por parte dun operador nun prazo de tres anos con base a plans de investimento cribles.

Esta acción enmárcase dentro do Investimento 1 da Compoñente 15 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que conta cun orzamento de 4.000 millóns de euros.

Tal e como explicou o delegado, Nigrán é un dos 278 concellos galegos beneficiarios deste programa do Ministerio de Asuntos Económicos e Avance Dixital que conta cun orzamento na Comunidade Autónoma de 30.183.840 euros e que busca “lograr a universalización do acceso á banda ancha ultra rápida, é dicir, de 100Mbs ou superior, en todo o territorio, así como a aceleración do despregamento de 5G, especialmente nas áreas rurais con maiores problemas de conectividade”.

Detallou que, na provincia de Pontevedra, investiranse 6,4 millóns de euros en proxectos (dos que 3,3M son aportados polo Goberno e o resto pola empresa instaladora) que beneficiarán a 58 concellos e 17.973 familias ou empresas.

José Miñones enmarcou esta iniciativa no “compromiso do Goberno coa conectividade e a dixitalización, ademais do reto demográfico, tres eixos básicos das políticas promovidas por este Executivo para o futuro de Galicia”.

O Programa Único-Banda Ancha

O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital impulsa o Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión (ÚNICO) do que se beneficiarán 89.548 fogares e empresas en Galicia ata o de agora sen cobertura dunha velocidade de acceso superior a 100 Mbps.

Este programa, xestionado pola Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, dá continuidade ao Programa de Extensión de banda ancha de Nova Xeración (PEBA-NGA). Neste plan, as últimas tres convocatorias (208 a 2020) posibilitaron o acceso a internet de alta velocidade a 57 núcleos de poboación de Nigrán a través das empresas Telefónica e R.