Podemos e EU cualifican os orzamentos de Nigrán de contraditorios, con irregularidades e repletos de lagoas

Podemos Nigrán e Esquerda Unida acusan ao Goberno de Nigrán de aprobar uns orzamentos contraditorios, con irregularidades e repletos de lagoas. As formacións locais expoñen que os Orzamentos 2022 aprobados o pasado luns en sesión plenaria, seguen a liña dos últimos anos “onde a falta de previsión, o gasto sen xustificación motivada, e as actuacións irregulares son a tónica habitual deste grupo de goberno”.

Respecto á RPT aprobada á que o propio Alcalde sinala como “histórica”, Podemos Nigrán e EU declaran que, segundo os informes de intervención, existen irregularidades e ilegalidades que afectan a 89 dos 104 postos de dita RPT, o que afecta significativamente ao orzamento destinado a gasto, polo que consideran que é necesario redactar unha nova RPT que cumpra co lexislador, onde se regulen, avalíen e valoren os distintos tipos de postos e as súas categorías, facendo unha correcta valoración da dotación retributiva dos mesmos.

“As políticas sociais deste goberno baséanse en financiar o sector privado, acometendo obras e actuacións que non son competencias municipais e concedendo subvencións nominativas sen seguir ningún criterio máis aló do que o Alcalde estime oportuno, obviando estipular nestes novos orzamentos ningún tipo de axuda para traballadores/as ou familias afectadas pola crise económica sobrevida pola pandemia ou mesmo para mulleres vítimas de violencia machista”, lamentan.

A agrupación local quere facer especial fincapé na nova mostra de falta de transparencia do Goberno de Nigrán, trasladando as sesións plenarias ás 8:30 da mañá, “imposibilitando así de maneira consciente e considerable o acceso á información e participación da cidadanía”, polo que esta formación reitérase na petición de retransmitir os plenos vía streaming.