A DXT inicia unha campaña de prevención de atropelos nas estradas da provincia

A Xefatura da Dirección Xeral de Tráfico inicia hoxe na provincia unha campaña informativa de prevención de atropelos nas estradas. Durante esta campaña informativa e de prevención axentes do Subsector de Tráfico da Garda Civil da provincia repartirán 500 chalecos de alta visibilidade e reflectores a aqueles peóns que se despracen polas vías sen facer uso deles, así como aos condutores que abandonan os seus vehículos para facer algunha xestión ou trámite.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, quixo lembrar que “dentro da Estratexia de Seguridade viaria 2011-2020 da DXT se identifica como obxectivo prioritario a protección do usuario máis vulnerable, por iso esta campaña especial de prevención de atropelos na estrada ten como obxectivo concienciar aos peóns e ao resto de usuarios cos que conviven sobre a importancia de facerse ver na estrada e asegurarse así de que son vistos polos condutores de vehículos”.

Non obstante, o fin último é fomentar o uso destes elementos reflectores nos peóns e consolidar un hábito de comportamento seguro na súa mobilidade. Así mesmo, a subdelegada recordou que “os condutores teñen a obrigación de levar as luces do vehículo acendidas en caso de pouca luminosidade ou de meteoroloxía adversa xa que tamén deben facerse visibles aos demais usuarios da vía, e moderar a velocidade en zonas de movementos de peóns (travesías, carreiros, zonas con casas, etc.)”.

Os estudos de accidentalidade indican que a 80 km/h, en caso de atropelo, falece o 95%; a 50 km/ h, o 50%; e a unha velocidade de 30 km/h, o 5%. Se se ten en conta a idade avanzada do atropelado, estes datos aínda poderían agravarse máis.

10 accidentes mortais nos últimos tres anos

Na provincia de Pontevedra no ano 2019 producíronse en vía interurbana 5 atropelos mortais a peón, representando o 25% dos peóns atropelados en Galicia. No 2020, o número de peóns atropelados nestas vías con resultado mortal foi de dous e no que vai de ano, a nivel provincial, en vía interurbana ou travesía, producíronse 3 atropelos mortais.