O BNG convoca a segunda das mesas parroquiais de debate sobre o saneamento en Peitieiros

O BNG de Gondomar convoca, para o luns 20 ás 19:30 horas, a segunda das mesas parroquiais de debate da súa campaña a prol do saneamento integral do concello. Ao igual que na realizada o pasado mércores en Chaín, a xuntanza servirá para poñer en común a situación do saneamento na parroquia e para recoller e trasladar propostas de mellora neste servizo de competencia municipal. Iniciarase a recollida de sinaturas entre a veciñanza para esixir do goberno local un plan estable de investimentos e accións encamiñados a acadar o saneamento integral do concello.

Como primeira medida, para as vivendas que non están cubertas pola rede de sumidoiros o BNG trasladará a veciñas e veciños de Peitieiros a súa proposta de implantación dun servizo municipal de baleirado de pozos negros e fosas sépticas. As principais vantaxes desta medida, que estaría subvencionada en parte polo Concello, serían o correcto traslado e xestión dos residuos; o respecto total ao medio ambiente e á saúde; a facilidade e axilidade do servizo; e, por último, unha importante bonificación económica para os veciños e veciñas, con exencións ou redución de tarifas en fogares con dificultades económicas.