Baiona suspende as prebadaladas de Fin de Ano deste sábado

O ritmo de contaxios que nos últimos días aumentou exponencialmente en toda a comarca, finalmente gáñalle o pulso a Baiona que se ve na obrigación de facer importantes axustes no seu programa previsto para esta fin de semana. O máis importante, a suspensión das prebadaladas de Fin de Ano expostas para mañá sábado 18 de decembro na Praza do Concello. Trátase pois dunha medida desesperada para tratar de frear unha tendencia preocupante e que sitúa á vila á cabeza de contaxios, cunha incidencia que a día de onte rozaba os 600 casos.

Nun primeiro momento trataron de salvar a situación adiantando a toma de uvas de medianoite ás 20:00 horas, aínda que finalmente optaron pola súa suspensión ante as dificultades para controlar tanto o aforo como o cumprimento das medidas. Do mesmo xeito ocorrerá coa tirada de fogos de artificio prevista para as 00:00 horas, que finalmente se anula. O concerto de “Los Mecánicos” previsto inicialmente para as 23:00 horas adiantarase ás 20:00 horas e cambiará o seu formato. Levarase a cabo na rúa Carabela Pinta pero o público deberá de estar sentado e cumprirase un estrito aforo que se irá completando por orde de chegada. O alcalde, Carlos Gómez, manifestou que estará cos ollos postos nas decisións das autoridades sanitarias de mañá sábado 18 de decembro para mover ficha.