O Vigo-Rías Baixas incorpora a Martín Rey, unha das grandes esperanzas do ciclismo galego

O júnior galego que mellores resultados conseguiu a nivel estatal en 2021 correrá a próxima campaña no Vigo-Rías Baixas. Martín Rey decantouse pola estrutura presidida por José Luis Chamorro para dar o salto de categoría e estrearse como sub23. O ciclista de Vilagarcía de Arousa recala no conxunto flúor procedente do Emico-Erbi Bembibre.

A presenza de Marcos Serrano ao volante do equipo que esta tempada adxudicouse a Clasificación Elite foi determinante na decisión tomada por Rey. O director deportivo de Chapela destaca que o máis rechamante do seu novo pupilo é “a paixón que ten pola bicicleta e a fame que ten de ser ciclista. Coñézoo desde pequeno e sempre loitou con ilusión por cumprir o seu soño. Este ano, ademais, demostrouno con resultados”.

“Deu un salto de calidade e mesmo obtivo resultados en momentos nos que non estaba no seu mellor momento de forma”, apunta o técnico da formación olívica. No rendemento ofrecido por Rey ao longo de 2021 sobresaen a vitoria de etapa e o terceiro posto na xeral da Volta a Talavera, o triunfo parcial logrado no Circuíto Cántabro e a regularidade exhibida na Volta Internacional ao Besaya, unha das citas máis prestixiosas do calendario júnior, onde fixo segundo nunha etapa e terminou como sexto mellor español desta rolda cántabra.

Serrano tamén valora a importancia desta incorporación polo que supón que “un dos júniors con máis proxección de Galicia quixese correr connosco. Para o Vigo-Rías Baixas é todo un luxo e unha prioridade”. Rey convértese na segunda fichaxe do conxunto olívico para o seu novo proxecto e o seu nome súmase ao do portugués Joao Leite.

Aprendizaxe

Aos seus 18 anos o corredor arousán inicia esta nova etapa ilusionado e coa tranquilidade de poñerse ás ordes dun director da súa máxima confianza: “Coñezo a Marcos Serrano, vino traballar e ten detalles á hora de levar o equipo que non os fai calquera. Sabe moito a nivel táctico e no meu primeiro ano como sub23 espero aprender moito del”.

A pesar do interese xerado pola súa progresión, Rey deu prioridade en todo momento á proposta flúor. “Quedarme en Galicia para poder compaxinar o ciclismo cos estudos vénme ben”, afirma este corredor das Rías Baixas que descubrirá o campo elite-sub23 levando na camisola o nome da súa terra.