A Área Sanitaria de Vigo atendeu a medio millar de pacientes con disfaxia

Con motivo do Día Mundial da Disfaxia que se conmemora mañá día 12, os médicos rehabilitadores e os logopedas da Área Sanitaria de Vigo veñen a sumarse a esta conmemoración para visibilizar un trastorno que afecta a unha porcentaxe elevada da poboación e que, moitas veces, está infradiagnosticado.

A disfaxia é a dificultade para tragar a comida e as substancias líquidas de maneira natural e que, polo tanto, necesita da atención inmediata dun especialista. O pasado ano, o servizo de Rehabilitación -un equipo composto por neurorrehabilitadores, logopedas e foniatras- atendeu a 500 pacientes con disfaxia.

Trátase dun trastorno da deglutición caracterizado por unha dificultade na preparación oral do bolo alimenticio ou no desprazamento do alimento desde a boca ata o estómago. Pode ter unha orixe funcional (habitualmente neuróxeno) ou mecánica, e tamén pode ser secundaria a outros factores, como ás cánulas de traqueostomía ou algúns fármacos.

Ás veces, os pacientes presentan dificultades moi severas que fan que parte do bolo alimenticio se vaia á vía aérea. Os pacientes con este problema teñen máis probabilidades de ingresar no hospital por pneumonías, desnutrición, e incluso se rexistra un maior índice de mortalidade por estes motivos.

Ten maior incidencia nas idades máis avanzadas, en enfermos xeriátricos e institucionalizados, e naquelas persoas que sufriron un ictus. A estes pacientes engádense os enfermos con patoloxías neurodexenerativas (Párkinson, demencias, ELA, Esclerose Múltiple, miastenia,…); os que pasaron por cirurxías otorrinolaringolóxicas ou neurolóxicas; ou poboación infantil con trastornos neurolóxicos.

Abordaxe integral

A disfaxia representa un problema de saúde con gran incidencia na calidade de vida de quen a padece e dos seus familiares ou coidadores, que afrontan con moita inseguridade e medo as horas das comidas. Aínda que a maioría das disfaxias non son curables, o conxunto de terapias pautadas, como a logopedia, as recomendacións posturais, e os exercicios para potenciar a zoa, son moi efectivas e dan moi bos resultados.

Unha correcta abordaxe reduce o tempo de hospitalización dos enfermos, así como os reingresos hospitalarios por complicacións respiratorias. Neste senso, os e as logopedas da Área Sanitaria de Vigo teñen elaborado diferentes materiais para impartir obradoiros ás persoas coidadoras destes pacientes así como diferentes cursos de formación específica para o persoal sanitario implicado nos seus coidados.

87 estudos de Videofluroscopias

Ademais, desde hai 2 anos, o Chuvi vén utilizando unha nova técnica diagnóstica, a videofluoroscopia, que de momento está sendo desenvolvida en moi poucos hospitais españois. A videofluoroscopia é unha técnica de radioloxía que permite ver directamente os defectos na deglutición do paciente. No Complexo vigués xa levan realizados 87 estudos de videofluoroscopias.