
O Concello de Nigrán incorpora o balonmán como nova actividade deportiva municipal ao seu abano de posibilidades despois de sumar surf o mes pasado tamén de xeito pioneiro. Esta nova escola deportiva desenvólvese a través da Deputación de Pontevedra, é gratuíta, e está dirixida a nenos e nenas en idade escolar (nados de 2008 a 2015), permanecendo aberto o prazo de inscrición ata o 1 de decembro para crianzas de toda a provincia a través da web www.depo.gal/es/deporte-escolas. Os adestramentos terán lugar os mércores e venres de 16:00 a 17:30 horas no Pavillón Municipal de Panxón (non os martes como aparece referenciado na web provincial). A solicitude de inscrición deberá realizarse preferentemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal).
“DEPOrte Escolas” é un programa deportivo gratuíto da Deputación de Pontevedra en colaboración e coordinación coas federacións deportivas para contribuír ao desenvolvemento e fomento da actividade deportiva en idade escolar. Precisamente, o Concello de Nigrán marcouse como obxectivo promover o balonmán base no municipio para crear canteira e volver asentar este deporte. Así, na década dos 70-80 existían equipos nos tres concellos que conforman o Val Miñor, mentres que na actualidade non sobrevive ningún, sendo moi destacable a permanencia do Acanor Valinox Novás no Rosal.