A nigranesa Marine Instruments lanza a primeira boia satelital para pesca con Intelixencia Artificial

Marine Instruments, compañía con sede en Nigrán e líder a nivel mundial no desenvolvemento e fabricación de tecnoloxía adaptada ao medio mariño, pon no mercado a M3iGO, a primeira boia satelital para pesca que incorpora Intelixencia Artificial. Un auténtico fito para a compañía galega e por extensión para o sector pesqueiro: supón a introdución dunha tecnoloxía disruptiva que chega para marcar un antes e un despois en eficiencia e sustentabilidade para a industria. O seu desenvolvemento foi posible tras catro anos de traballo e investimento ininterrompido por parte do departamento de I+D+i, área que supón o 40% do persoal de Marine Instruments, que conta na actualidade con 160 empregados.

Os enxeñeiros de Marine Instruments propuxéronse desde o inicio transformar os datos masivos que achegarían a dixitalización da sonda e as novas capacidades en computación en información decisiva para os patróns. Para facelo era necesario crear novos algoritmos, procesalos e adestrar as redes neuronais durante un período de tempo extenso. E, ademais, a meta era proporcionar esta información no momento exacto en que o usuario a solicitase, é dicir, en tempo real. Así nace a nova M3iGO, unha boia concibida, deseñada e fabricada na súa totalidade por Marine Instruments, capaz de calcular de forma certeira a cantidade de peixe comercial que ten debaixo, descartando do cálculo de biomasa o peixe non comercial e resto de ruído.

Foi un reto. O desenvolvemento da intelixencia artificial require da aprendizaxe de capacidades matemáticas e desenvolvemento de algoritmos prolongados no tempo, en base a datos observables nun amplo histórico. É dicir, fai falta tempo, históricos e alta capacidade de estudo. Un desenvolvemento con continuidade que consome recursos e que foi posible pola aposta firme en innovación de Marine Instruments, que inviste anualmente un 8% dos seus ingresos en I+D+i. Foron anos de avances sobre unha folla de ruta ben establecida, que incluíu numerosas probas de campo e test nos tres océanos, Atlántico, Índico e Pacífico, ata alcanzar o produto final.

Máis a fondo: mentres os modelos anteriores contan con sonda analóxica, a nova sonda dixital e o novo microprocesador que incorpora a M3iGO permiten obter enormes cantidades de datos en bruto, analizalos e procesalos, co obxectivo de que o patrón reciba a información filtrada, e precisa, das toneladas de peixe comercial que hai debaixo da boia. Coa nova M3iGO o patrón está en disposición de tomar decisións máis rápidas, eficientes e sostibles, tanto económica como medioambientalmente.

Outros proxectos que a empresa desenvolve en paralelo e que traballan con Intelixencia Artificial e redes neuronais tamén contribuíron para facer posible a tecnoloxía disruptiva que incorpora a nova boia. É o caso, por exemplo, dun proxecto en colaboración con AZTI, o centro tecnolóxico de referencia vasco para medio mariño, que traballa na identificación de especies de atún e outro para a planificación de roteiros óptimos de pesca, un background que Marine Instruments sumou á hora de desenvolver a nova M3iGO.

Ademais da Intelixencia Artificial, hai outra novidade destacada. A M3iGO é unha boia que en está sempre aberta, é dicir: transmite a información en tempo real cando o usuario solicítaa. Esta evolución tamén ten como obxectivo axudar ao patrón para aforrar tempo ofrecéndolle só a información que necesita no momento que a necesita.

Se o seu interior é toda unha revolución respecto ao modelo anterior, a M3i+, o exterior da nova boia é unha evolución dunha envolvente que segue sendo referencia de robustez e durabilidade no mercado, incorporando un novo panel solar que achega a enerxía suficiente para que as baterías recargables da boia estean sempre ao seu nivel máximo.

En paralelo, Marine Instruments tamén lanza unha actualización do o seu MSB+, o software de xestión de boias e información oceanográfica. Sumando a visión do equipo de I+D+i e a experiencia de patróns de pesca, incorporouse no software a previsión a futuro de datos oceanográficos e novas capas de hipoxia, ondadas ou nubes. Tamén os usuarios gozarán de novas visualizacións deseñadas para aforrar tempo ao patrón, presentando o contido de forma máis clara e enriquecida, ofrecendo dunha ollada a cantidade de peixe comercial estimada baixo a boia e achegando datos concretos da súa posición como o rango de profundidades ou a temperatura.

Por todo isto, Marine Instruments, con presenza en 30 países, a compañía galega é líder a nivel mundial no desenvolvemento e fabricación de equipos electrónicos adaptados ao medio mariño enfocados aos océanos intelixentes e a pesca sostible. Ademais de manter unha aposta decidida por seguir proporcionando ferramentas tecnolóxicas altamente innovadoras ao sector atuneiro, nos últimos anos Marine está a ser exitoso no desenvolvemento de tecnoloxías para outros sectores como a acuicultura ou a seguridade e a defensa.