A Liga de Outono AEDAS Homes J80 encara o seu desenlace en Baiona

A Liga de Outono AEDAS Homes J80 encara o seu desenlace en Baiona coa celebración este sábado da súa cuarta xornada, a penúltima das programadas no campionato de monotipos organizado polo Monte Real Club de Yates.

A competición enfila a recta final cunha clasificación moi axustada nos primeiros postos, nos que se sitúan o Marías do portugués Manel Cunha, con 9 puntos; e o Okofen do vigués Javier de la Gándara, con 11 puntos. Algo máis afastado, aínda que sen perder as súas opcións de podio, atopamos ao Cansino, liderado pola moza Alejandra Suárez, con 22 puntos.

Coa próxima proba válida, a sexta desde que se iniciou a liga, entrará en xogo un descarte que permitirá ás tripulacións eliminar da clasificación o seu peor resultado, o que podería provocar envorcos nas posicións e reducir a separación entre os equipos aspirantes á vitoria final.

Os primeiros postos están moi apertados, cunha separación de apenas dous puntos, e tamén atopamos moi axustada a seguinte parte da táboa, co cuarto, quinto, sexto e sétimo clasificados nun pano de 6 puntos. Son o Mondo de Bernardo Macedo, con 41 puntos; o SND Cormorán de Francisco Martínez, con 45 puntos; o Namasté de Luis de Mira, con 46 puntos; e o Miudo de Yago Marquina, con 47 puntos.

Tampouco convén perder de vista a barcos como o Luna Nueva de Juan Luis Tuero, o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro ou o Spaco de Santiago Estévez que, aínda que se atopan en posicións máis baixas da clasificación, adoitan ser tripulacións candidatas ao podio.

A xornada regateira do sábado, para a que a previsión anuncia ventos frouxos de compoñente norte, dará comezo ás tres da tarde e incluirá, ademais da competición, un briefing co adestrador Carlos Llamas, que se encarga de preparar á frota para futuras competicións.