Gondomar acolle unha nova edición do ciclo “Falamos”

Gondomar acolle unha nova edición do ciclo “Falamos” abordando as principais preocupacións e retos dos mozos e as súas familias. O ciclo de charlas-obradoiro converteuse xa nunha cita referente da Concellería de Xuventude, dirixida por Nuria Lameiro, e este ano dá un paso e suma, como novidade, aos docentes e profesionais que diariamente tratan cos mozos e mozas.

A III edición do ciclo de charlas-obradoiro “Falamos”, subvencionado pola Deputación Provincial de Pontevedra, arrancará este próximo xoves, 11 de novembro, e estenderase ata o 9 de decembro cun programa cun total de 29 intervencións, impartidas pola psicóloga Paula Rodríguez, dirixidas ao alumnado da ESO, familias e profesionais que están en contacto cos mozos e mozas.

Desde a Concellería de Xuventude, organizadora do ciclo, subliñan a importancia que foi adquirindo en cada edición “sumando cada vez a máis persoas interesadas en participar e converténdose nunha peza troncal do traballo e a implicación do goberno de Gondomar en dotar aos mozos/as das ferramentas precisas para afrontar o seu futuro, á vez que se lles facilitan ás familias para que saiban actuar ante situacións novas que están a vivir”.

O alumnado de 2º da ESO dos Institutos Terra de Turonio e Auga da Laxe inaugurarán esta nova edición co primeiro dos obradoiros que se desenvolverá baixo o lema “Novas formas de violencia”, onde a través de tres sesións por curso trataranse de identificar as novas formas de violencia e sensibilizar e concienciar aos mozos e mozas sobre a necesidade de erradicala das súas vidas.

“Pensando no meu futuro” será o título das charlas que se impartirán ao alumnado de 3º e 4º da ESO abordando con eles e elas as novas profesións e o autocoñecemento, co fin de motivalos na procura dun equilibrio entre o que lles gustaría facer, ou o que o mundo precisa e as súas capacidades e aptitudes para cada traballo.

Familias e profesionais

Como en anos anteriores implicarase ás familias con dúas charlas que se desenvolverán o 10 e o 11 de novembro onde baixo os títulos de “Lindes vermellos na adolescencia” e “A realidade do meu fillo adolescente” preténdese achegar a pais e nais a realidade que viven e perciben os mozos, e as novas necesidades e demandas sobre as que terán que marcarse novos límites.

Como novidade este ano convídase aos docentes dos centros educativos de Gondomar cos que abordar e tratar a realidade concreta dos mozos no municipio e “traballar conxuntamente para afastar calquera forma de violencia da mocidade”.