O Plan REAPCON da Deputación mobilizará 2,4 millóns de euros para tres grandes proxectos en Baiona, Gondomar e Nigrán

O Plan REACPON mobilizará na comarca do Val Miñor un total de 4,16 millóns de € dos cales 2,4 € serán financiados pola Deputación. Así, Gondomar investirá 833.544,36 € para a adecuación urbano-sostible na praza Rosalía de Castro e a súa contorna que recibirá da institución provincial 666.835,49 €; Nigrán con 1.592.114,67 € realizará a humanización da rúa Otero Pedrayo e recibirá 905.214,42 € da institución provincial; e Baiona investirá 1.744.006,88 € para a remodelación da contorna do paseo Pinzón á que a institución provincial destinará 837.119,63 €.

Unha resposta contundente para achegar recursos aos concellos e á xente para impulsar a economía da provincia, xerar actividade e crear ou manter o emprego despois da pandemia. Con este obxectivo, o REACPON, o plan de investimento público más ambicioso da historia da Deputación, mobilizará 39,1 millóns de euros para acometer grandes actuacións nos concellos da provincia e transformar o territorio. O programa contará cun investimento provincial de 26,33 millóns de euros e chegará a todas as comarcas con proxectos en 47 concellos de menos de 50.000 habitantes, “o 85,45% dos municipios que se presentaron”. A presidenta, Carmela Silva, e o vicepresidente César Mosquera, detallaron hoxe as actuacións que tamén se presentarán aos fondos europeos, e coincidiron en subliñar o “enorme esforzo” e a aposta do goberno por converter neste momento á Deputación nun instrumento para a transformación da provincia con políticas anticíclicas, de expansión do gasto e aliñadas coa axenda 2030 e cos Next Generation.

Dos 47 proxectos, 25 serán actuacións de mobilidade amable e segura cun investimento total de 19,17 millóns de euros, e 22 obras en equipamentos municipais (19,93 millóns). Neste segundo caso 5 serán de rehabilitacións de casas consistoriais (3,95 millóns), 5 de reforma de espazos culturais (4,51 millóns de euros), 8 de obras en infraestruturas deportivas (6,5 millóns), 3 actuacións en bibliotecas (3,17 millóns), e 1 de obras en cemiterios (1,8 millóns de euros). Todos os proxectos cumpriron coas bases desta convocatoria alcanzando a puntuación mínima e presentando proxectos maduros e de calidade que contribúan a unha economía descarbonizada e á consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030 e nos fondos europeos. De feito, o goberno provincial incrementou ata os 26,3 millóns o orzamento previsto no Plan para non deixar fóra a ningunha das actuacións que chegaron aos 50 puntos ante a calidade e ambición dos mesmos. Como sempre, a convocatoria fíxose con criterios obxectivos.