O artista Honey de Baiona gaña o primeiro premio Xuventude Crea 2021 na categoría de graffiti

O artista Honey, de Baiona, coa súa creación titulada Bo Camiño, gaña o primeiro Xuventude Crea 2021 na gategoría de graffiti. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acudiu onte á fase final deste certame, que tivo lugar no corredor central do Parque da Alameda de Santiago de Compostela.

A esta fase final da modalidade de graffiti chegaron seis creadores que realizaron en directo as súas propostas. Aos galardoados, ademais do gañador, acompañárono Ares, de Tui, coa súa obra titulada As dúas en punto, en segundo lugar; o terceiro posto logrouno Seek, tamén de Baiona, coa súa peza Galaxia animal; e houbo unha mención de honra para a artista Maldita, natural de Ribadavia, pola súa obra 37 min.

Cada un destes premios ten unha gratificación económica: o primeiro, de 3.000 euros; o segundo, de 1.500; e o terceiro, de 1.000 euros.

Premiados

Xa se coñeceron os gañadores nas categorías de videocreación, creación de videoxogos e teatro. Na modalidade de videocreación, o primeiro premio foi para Aarón Vilariño Figueiras, de Santiago de Compostela, pola obra Peixe; o segundo, para Vulgaris de Mario Fernández Filloy, do Carballiño; e o terceiro foi compartido entre Juan Rodríguez Bas, de Gondomar, con O principio do movemento e para Alba Rodríguez Villar, de Cedeira, con Quebec delta.

Pola súa banda, nesta segunda edición da categoría de creación de videoxogos o primeiro premio recaeu en Misery, de Hopless Productions, feito por Manuel Silva e Pedro Peteiro, de Oleiros; o segundo foi para Valico, the grim world de Team Valico, feito por Iván Fernández e Luis D.Lobo de Vigo; e o terceiro foi para Underworld de Osfados, por Alba Paz e Alison Dieste, de Cambados.

Na modalidade de teatro foi o grupo de Santiago Mevadeus, de Santiago de Compostela, o gañador coa obra Agro 5g. O segundo premio foi para o grupo As catro, de Vigo, pola súa interpretación da obra Que rima con Chomsky?. En terceiro lugar situouse o grupo Xebra, tamén de Vigo, por Irremediablemente soa.

Catorce categorías e 400 participantes

Esta iniciativa trata de fomentar a creatividade da xuventude galega, facilitando a promoción e a difusión da súa obra. Nesta edición poderán participar, un ano máis, os mozos e mozas non profesionais con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2021. Nesta edición participan máis de 400 artistas de toda Galicia.

Son un total de 14 as categorías propostas nesta edición, que abranguen desde a creación de videoxogos e videocreación, xa premiados; ata novela curta, cociña, teatro, artes plásticas, fotografías, música, poesía, banda deseñada ata graffiti, deseño de xoias, moda e danza.