Unha delegación do GALP Ría de Vigo-A Guarda viaxa a Canarias

Esta semana, unha delegación de representantes do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Vigo-A Guarda viaxa ás Illas Canarias no marco do proxecto de cooperación Mar das Illas, impulsado xunto ao GALP Ría de Pontevedra e o GALP Ría de Arousa.

Esta é a terceira visita de estudo que realizan con esta iniciativa, tras desprazarse en anteriores ocasións ás Illas Baleares e Italia. Da man dos Grupos de Acción Costeira de Gran Canaria e Lanzarote, integrantes das xuntas directivas e persoal técnico dos tres grupos visitarán diversos proxectos de turismo mariñeiro e pescaturismo e coñecerán as particularidades da actividade pesqueira en zonas protexidas. As confrarías da zona e os museos vencellados ao mar tamén serán parada obrigatoria.

“Canarias é un destino máis turístico e niso van un pouquiño máis adiantados ca nós. Esta viaxe será de interese para ver como artellan o pescaturismo en áreas protexidas, sempre é de utilidade recadar esta información”, explica Juan Manuel Gregorio, presidente do GALP Ría de Vigo-A Guarda e patrón maior da Confraría de Pescadores San Cipriano de Aldán-Hío.

Coa mesma vontade curiosa viaxan tamén ao arquipélago, Silvia Crespo, tesoureira do GALP e patroa maior da Confraría de Pescadores Santa Tegra da Guarda, e Gonzalo Reinosa, patrón maior da Confraría de Pescadores Virxe do Carme de Arcade.

Para Crespo, unha das seis mulleres que están á fronte dunha confraría en Galicia, neste tipo de visitas sempre “se aprende uns dos outros”. “Chámanme a atención os proxectos de ecoturismo Ruta do Humedal ou o das vivendas de vacacións”, conta a percebeira, á que lle encanta “saber como traballan noutras confrarías” e poder adquirir novos coñecementos para aplicalos na Garda. De feito, foi nunha destas viaxes nas que descubriu as posibilidades da anemone de mar, para a cal empezaron a elaborar un plan de explotación. En relación ao turismo mariñeiro, cre que no caso do percebe ou do orizo, é complicado deseñar unha proposta deste tipo, ante a dificultade e o perigo que supón camiñar polas rochas; non obstante, non descarta que poidan dar cunha fórmula que permita achegarse en primeira persoa a esta actividade para que a xente sexa consciente do “traballo que dá e que o valor que ten é por algo; é moi arriscado”.

Pola súa banda, para Gonzalo Reinosa esta é a súa primeira experiencia viaxeira co GALP Ría de Vigo-A Guarda como patrón maior e dela agarda “sacar algunha boa idea das confrarías e ver se as podemos adaptar á nosa”, así tamén como das iniciativas de turismo mariñeiro e pescaturismo que poidan implantarse no noso territorio.

Por parte do GALP Ría de Vigo-A Guarda, ademais de Gregorio, Crespo e Reinosa, súmanse a esta viaxe a xerente da entidade, Elena Herbello; Francisco Javier Costa e Berta Barreiro, patrón maior e asistencia técnica da Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas; Jesús González, representante da Confraría de Pescadores Pedra da Oliveira de Vilaboa; Severino Casal, vicepatrón da Confraría de Pescadores San Xoán de Redondela; e María Muíños, asistencia técnica da Confraría de Pescadores San Francisco de Vigo. Aloxados nas Illas Canarias desde o martes, a visita ao arquipélago prolongarase ata este sábado.

O proxecto Mar das Illas

A iniciativa enmárcase na liña de proxectos de cooperación interterritorial e transnacional dos GALP para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) 2014-2020, segundo as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP).

Ao longo das tres fases do proxecto, formáronse máis de 200 profesionais do mar como Guías Acreditados en Turismo Mariñeiro e Pescaturismo no ámbito do Parque Nacional. Ademais, puxéronse en marcha seis proxectos piloto de turismo mariñeiro e pescaturismo, elaboráronse distintos manuais de formación, protocolos de actuación e Códigos de Boas Prácticas, e leváronse a cabo diversas xornadas de divulgación como a I Xornada Internacional sobre Turismo Mariñeiro e Pescaturismo.