O Vigo-Rías Baixas logrou un dos seus grandes obxectivos desde que no ano 2013 empezou a competir no pelotón Elite-Sub23. Por primeira vez na súa historia a estrutura presidida por José Luis Chamorro termina a tempada no máis alto da Clasificación Elite por equipos, clasificación que a Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) publicou este martes. O éxito do conxunto flúor na clasificación por escuadras estatal chegou grazas ás dezaoito vitorias asinadas ao longo de 2021, unha cifra que nunca obtivera.
O seu récord de triunfos nunha campaña disparou á formación que dirixe Marcos Serrano ata os 3034 puntos. Esta marca permitiulle conquistar o primeiro posto do Clasificación Elite con autoridade. O Supermercados Froiz, segundo clasificado, sumou 2370 e o terceiro posto ocupouno o Netllar-Alé con 2099. Un total de 59 equipos compoñen a táboa que encabeza o Vigo-Rías Baixas.
Tras quedarse en anos anteriores ás portas do título, finalizando en segunda e en terceira posición, este 2021 arrancou co bloque flúor liderando a clasificación á conclusión do primeiro mes do calendario. Aínda que durante algunhas semanas da primavera cedeu o primeiro posto, desde xuño ata outubro o conxunto olívico resultou inamovible á fronte da clasificación.
Suma de éxitos
Seis corredores achegaron puntos á conta do Vigo-Rías Baixas. Miguel Ángel Fernández, segundo na Clasificación Individual, acumulou 1059; Benjamí Prades aparece na cuarta praza con 998; Ander del Castaño contribuíu con 502; Noel Martín, con 470; mentres que Max Williamson e Manuel Jiménez conseguiron 5 e 3, respectivamente.
Reinando a nivel Elite, a entidade con sede en Vigo despide a súa novena tempada na categoría que exerce a antesala do ciclismo profesional. Un ano inesquecible para os pupilos de Serrano, anotándose o triunfo no Campionato de España Elite en Ruta, na Volta Provincia de València, na Volta a Estremadura, en etapas das roldas máis prestixiosas do calendario e en probas dun día. O próximo reto deste proxecto será seguir superándose en 2022, a tempada do seu décimo aniversario.

