Concello de Gondomar e Correos acordan instaurar un rexistro dixital na oficina do municipio

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, reuniuse esta mañá cos responsables de Correos, Carlos Meijome Juiz e Tamara Fernández Iglesias, para coñecer de primeira man a nova colaboración que se acordou entre o Concello e a oficina postal de Correos no municipio.

Nela instalarase a aplicación ORVE, un rexistro dixital no que calquera cidadán poderá enviar copias autenticadas e realizar calquera trámite relacionado coa administración. Ademais búscase romper a fenda dixital que estas operacións supoñen para moitas persoas que non se manexan coas novas tecnoloxías e que recibirán a axuda do persoal das oficinas de correos.

Por outra banda, desde este mes tamén estarán autorizadas a cobrar calquera tributo do ORAL nas oficinas postais.

Pola súa banda o alcalde, Paco Ferreira, puxo sobre a mesa a posibilidade de pechar nun futuro próximo un convenio de colaboración en materia de paquetería e loxística pensado, prioritariamente, para dar servizo ás empresas do Polígono da Pasaxe.