Regreso triunfal da baionesa Mila López en Puerto Lumbreras

A Copa de España de Ciclismo Adaptado despediuse cunha intensa fin de semana en Puerto Lumbreras e cun regreso tan agardado como triunfal. Mila López (ParaciclismoGalicia) aínda non disputara este ano ningunha xornada e na súa estrea impúxose por partida dobre na categoría WH4, na contra o reloxo do sábado e na carreira en liña do domingo.

A baionesa venceu con autoridade nas dúas probas organizadas polo Club Ciclista Pro Bike Mazarrón. Na “crono” superou por case media hora á súa compañeira Pilar Montoya e o ParaciclismoGalicia repetiu dobrete en WH4 ao día seguinte na competición de fondo. Grazas a estas dúas vitorias a handbiker do Val Miñor irrompeu na xeral da Copa situándose segunda, por detrás de Montoya, que se fixo co título.