Baiona ponse a punto co inicio do Endurance European&World Championship

O Monte Real Club de Yates de Baiona foi marco da recepción oficial ofrecida polo Concello de Baiona aos pilotos, comisarios, xuíces, patrocinadores e colaboradores do Endurance European&World Championship que este sábado arranca na baía coa participación dunha vintena de equipos chegados desde Holanda, Bélxica, Italia, Kuwait, Portugal e España.

Cúmprese, por tanto, a preinscrición que a Real Federación Galega de Motonáutica, responsable da organización, levaba barallando desde hai algunhas semanas.

Entre os favoritos destacan, sen ningunha dúbida, os pilotos españois, entre os que se atopan os galegos José e Yeray Lorenzo, campións do mundo da especialidade en 2018, do mesmo xeito que Keko Pereira, que tamén xa sabe o que é subirse ao máis alto dun podio nun mundial en 2017, e que nesta cita forma parella co catalán José María Izquierdo.

Á recepción oficial acudiron o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez; o Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete; o Deputado de Deportes, Gorka Gómez; o alto representante da Unión Internacional de Motonáutica, Denis Dillon; e o presidente da Real Federación Galega de Motonáutica, José Fernández, entre outras autoridades e convidados. O acto foi retransmitido en directo por Onda Cero e das traducións ao inglés encargáronse os alumnos do colexio Las Acacias-Montecastelo.

Entre as 12:00 e as 13:00 horas deste sábado comezan os adestramentos libres, reservando para a parte vespertina do día a disputa da primeira manga, que será ás 17:00 horas.

A Capitanía Marítima de Vigo emitiu un edicto declarando a zona de exclusión marítima nos horarios de adestramentos e probas, preservando a seguridade e reservando unha canle para a entrada e saída de embarcacións de emerxencia. Da custodia e do fiel cumprimento encárgase a Garda Civil, que a través do seu Servizo Marítimo e Aéreo vixiarán a Baía de Baiona.

O trazado, un circuíto entre boias de 3,5 millas de lonxitude, ocupa todo o conxunto da enseada, polo que calquera punto do seu perímetro en terra será sempre un excelente miradoiro.