O PP de Gondomar volve reclamar o arranxo do camiño da Barbeira en Couso

O Partido Popular de Gondomar levou ao pleno do pasado 3 de xuño unha moción, que foi rexeitada polo goberno municipal, para o arranxo urxente do camiño da Barbeira en Couso, que comunica as estradas autonómicas PO-341 coa PO-340. Na moción o PP gondomareño facía constar que o citado camiño presenta varios danos no seu firme que necesitan dunha actuación urxente, sobre todo na zona da ponte, na cal a auga está erosionando o firme ata o punto de faltar parte do camiño, o que pode provocar a caída de calquera usuario da vía. O alcalde, restoulle importancia á perigosidade que supón o feito de que parte do camiño estéase caendo polos efectos das riadas de auga, coas graves consecuencias que isto poida traer para os usuarios do mesmo, argumentando que hai un proxecto no Plan Concellos do ano pasado para arranxar este camiño, cousa que dubida o PP que de ser así debería estar xa executado pola importancia do mesmo.

Catro meses despois o camiño segue sen ser arranxado e non se fixo ningunha sinalización do perigo como lle pediu no pleno a voceira do Partido Popular. Ademais as fochancas son cada vez máis grandes e os coches teñen que ir sorteando para non rebentar unha roda, co perigo que isto supón. A auga segue comendo o firme do camiño e o risco de que un coche caia no burato é moi alto. “Pedimos ao concello que como medida urxente se sinalice o perigo e canto antes se arranxe a estrada. As parroquias non contan para o Sr. Ferreira, cada vez están máis abandonadas polo goberno municipal”, reitera Paula Bouzós.