Baiona aposta pola memoria histórica e o teatro no seu programa cultural de outono

Despois dun intenso verán onde o Concello de Baiona ofreceu un sen fin de eventos de todo tipo chega unha nova programación para gozar da cultura no outono. Este completo programa, organizado pola Concellería de Cultura de Baiona, combinará diversas disciplinas culturais. Ademais, en outubro, haberá unha programación dedicada en exclusiva á memoria histórica. Así mesmo, a finais deste mesmo mes terá lugar o Circuíto Galego de Teatro Amador.

Despois dun intenso verán onde o Concello de Baiona ofreceu un sen fin de eventos de todo tipo chega unha nova programación para gozar da cultura no outono. Este completo programa, organizado pola Concellería de Cultura de Baiona, combinará diversas disciplinas culturais. Ademais, en outubro, haberá unha programación dedicada en exclusiva á memoria histórica. Así mesmo, a finais deste mesmo mes terá lugar o Circuíto Galego de Teatro Amador.

A primeira das actividades terá lugar o próximo 22 de outubro no Auditorio Municipal V Centenario ás 21:00 horas. Trátase da obra de teatro cómico “Feminísimas”, unha representación que parte dun congreso feminista na cidade de Vigo. Tres amigas da adolescencia que hai anos que non se ven. Tres amigas que teñen tres xeitos ben distintos de entender o “feminismo”… Por exemplo: feminismo radical, feminismo liberal e teoría queer. Unha peza con altas doses de humor, ironía e complicidade para poñer a amizade a proba mentres analizamos -dende a comedia- de que maneira as mulleres están a con-vivir neste novo mundo feminista no que se atopan mergulladas.

O sábado 23 de outubro o Auditorio Municipal acollerá ás 21:00 horas un concerto pola memoria histórica no que o compositor e músico Seso Durán, acompañado de catro músicos máis, interpretará temas do seu traballo “Son da Memoria”. Xosé Manuel Durán, coñecido a nivel artístico como Seso Durán, asegura que o seu traballo “Son da Memoria” naceu do contacto que tivo na súa infancia con persoas vítimas da represión. “Está centrado nas persoas que sufriron esa dor, do contacto directo que tiven de pequeno coas súas historias, estou seguro que sen ese contacto eu non sería quen de realizar este traballo”, asegura o músico e compositor. Trátase dun disco escrito e producido polo propio artista e xira ao redor do que aconteceu a partir do golpe de estado de 1936, especialmente nas comarcas de Pontevedra, O Morrazo e Vigo.

O domingo, 24 de outubro, ás 20:00 horas no mesmo espazo, celebrarase un concerto da Orquestra de Cámara Galega, un concerto de cámara no que será incluída música de compositores galegos, facendo especial incidencia na obra do mestre Rogelio Groba e que incluirán unha acción especial que poñerá en valor os 26 anos na escena musical da Orquestra de Cámara Galega.

A última semana de outubro, o xoves 28, ás 20:00 horas no Multiusos Mercado de Sabarís terá lugar o obradoiro de música represaliada de Xurxo Souto, que pretende servir para tomar conciencia de como o imaxinario que impuxo a ditadura franquista segue definindo o presente. Buscarase descubrir o esplendor musical que lle roubaron á sociedade facendo un percorrido polos proxectos musicais destruídos tras o golpe de estado do 36 e reivindicar a dignidade das e dos artistas que sufriron a represión.

O Circuíto Galego de Teatro Amador 2021 chegará á Vila os días 30 e 31 de outubro e 1 de novembro. Todas as funcións serán representadas no Auditorio V Centenario e unha delas nos Xardíns da Casa da Navegación. O Circuíto Galego de Teatro Amador da FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado) consiste nunha programación de catro funcións teatrais por sede. Estes catro espectáculos son repartidos por toda Galicia. Desta forma, preténdese que as compañías actúen fóra do seu círculo xeográfico. Ademais, esta iniciativa promove a mobilidade xeográfica dos grupos de teatro. As catro funcións das que poderemos gozar en Baiona son: “Confinados”, “Historias pequenas de xente que non lle importa a ninguén”, “Mouras e Nobeiros” e “Un vals para Cincinati”.

A primeira obra do programa é “Confinados” da compañía A Tequerete, que será posta en escena o sábado 30 de outubro ás 20:00 horas. Trátase dunha comedia das situacións vividas nestes anos de pandemia. Ademais, o domingo 31 de outubro teremos dobre programación. En primeiro lugar os Xardíns da Casa da Navegación acollerán ás 12:00 horas a Lohengrín Teatro, que lembrarán que é Samaín cos seus contos “Mouras e Nobeiros”. Ás 20:00 horas no Auditorio V Centenario de Baiona será a quenda de Teatro Antas de Ulla. Esta compañía faranos gozar coa súa obra “Historias pequenas de xente que non lle importa a ninguén”. Por último, o luns 1 de novembro, festivo, Teatro do Ar pechará a programación coa obra “Un vals para Cincinati” tamén no Auditorio ás 20:00 horas.

“Esta programación foi deseñada co obxectivo de desestacionalizar as actividades culturais e de lecer e promocionalas durante todo o ano, optimizando recursos, dinamizando á súa vez a actividade socioeconómica do municipio e para o goce de toda a cidadanía”, sinala o Alcalde, Carlos Gómez Prado.