O turismo natural, a gran aposta de Baiona para a época post-COVID

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Miradoiro do Cortelliño.

A natureza e o ecoturismo son as bazas coas que Baiona aposta para reflotar o turismo na época post-COVID. A incidencia da pandemia e o cambio de hábitos e destinos turísticos fan que o turismo natural cobre especial relevancia nun ano en que o turismo inicia a súa recuperación e Baiona quere subirse a este tren. Roteiros a pé polas distintas paraxes naturais da localidade conforman a oferta, situando a Baiona no mapa deste tipo de turismo tan en auxe nos últimos anos.

A Concellería de Turismo de Baiona tenta reactivar o sector turístico a través do ecoturismo coa posta en marcha de catro roteiros que veñen complementar a oferta turística e cultural da localidade. Baioneses e visitantes poderán gozar dunha nova alternativa na que gozar do seu tempo libre. Un turismo que, como apunta o Alcalde, Carlos Gómez Prado, ten o seu espazo propio na provincia desde hai anos, aínda que cobra especial relevancia nun ano en que os usuarios volven as súas miradas ao mundo rural e as paraxes naturais.

A proposta de “Baiona Natural”, sinala o rexedor, “é un aliciente máis para que os turistas que elixan o noso municipio, pernoiten e alonguen a súa estancia en Baiona. Falamos dun servizo complementario que se engade á oferta turística coa que xa contamos e que contribúe a ampliar as experiencias que propoñemos ao turista”.

O alcalde subliña que “o obxectivo que queremos alcanzar con estes roteiros é poñer en valor os espazos naturais máis próximos e inmediatos cos que contamos os baioneses e baionesas e afianzar ao mesmo tempo percorridos de gran interese turístico. Esta é unha clara aposta polo turismo activo e a conectividade do núcleo co seu territorio, ademais dun novo atractivo para o turista potencial, que dispoñerá de novas alternativas no destino do noso municipio”.

Catro roteiros polos montes da localidade para poñer en valor a súa riqueza paisaxística e etnográfica. Un itinerario de camiños que permitirá que baioneses e visitantes poidan gozar dunha incrible variedade de lugares para practicar sendeirismo, pasear, etc. á vez que se enriquecen do amplo patrimonio da vila. Os roteiros deseñados pola empresa local Baiventura realizaranse durante 4 domingos seguidos, comezando o vindeiro domingo 17 de outubro e finalizando o 7 de novembro.

“A idea é difundir estes roteiros de sendeirismo, para poñer en valor o patrimonio natural do municipio. Foron deseñadas, creadas, marcadas e van ser guiadas, gratuítas nesta ocasión, por esta empresa especializada. O compromiso que lles pedimos é que se poidan consolidar e síganas realizando eles directamente, ampliando deste xeito o catálogo do destino Baiona e da marca “Baiona te engancha”, detalla o rexedor.

“Catro roteiros que transcorren por todas as parroquias do noso municipio (Baíña, Baredo, Santa Cristina da Ramallosa e Belesar) co obxectivo de poñer en valor o inmenso patrimonio natural das nosas parroquias. Uns espazos que debemos mostrar orgullosos ao mundo e presumir da súa beleza, sempre facendo un uso responsable destes magníficos espazos naturais”, finaliza Gómez Prado.

Os roteiros levaranse a cabo seguindo as medidas de prevención necesarias e cumprindo coa normativa vixente. O número de asistentes será reducido polo que é necesaria a inscrición previa na oficina de turismo (no correo electrónico oficinadeturismo@baiona.gal ou por teléfono 986 68 70 67).

Baiona Natural – 4 roteiros para promocionar Baiona

Roteiro1 – “Chan da Lagoa-Baíña”

O primeiro destes roteiros ten por nome “Chan da Lagoa-Baíña”. Trátase dun percorrido de 10,5 km circular deseñado para dar a coñecer o patrimonio natural de Baiona gozando da súa contorna. Este roteiro terá como eixo principal descubrir a historia pasada da Vila e visibilizar os vestixios que aínda podemos atopar. Terá unha duración aproximada de 3,5 horas, a súa dificultade é moderada e está recomendada para maiores de dezaseis anos. Entre os puntos de interese polos que transcorre atópanse: Estación Arqueolóxica Outeiro dos Lameiros (petróglifos), o Camiño Medieval, panorámica Val Miñor, panorámica Baía de Baiona, fervenza río San Cosme, merendeiro Chan da Lagoa. O punto de encontro será no merendeiro de Chan da Lagoa ás 9:30 horas para iniciar o roteiro ás 10:00 horas e finalizala ás 14:00 horas.

Roteiro2 – “Descobre Baredo”

Roteiro circular de 9,5 km deseñada para dar a coñecer o patrimonio natural de Baiona gozando dun lugar privilexiado. Este roteiro terá como eixo principal dar a coñecer a vida dos baioneses e a repercusión que trouxo a Baiona o paso do Camiño de Santiago. Entre os puntos de interese polos que transcorre atópanse: Os muíños do río Fraga, O Facho, Fonte dos Mortos, e a parroquia de Baredo.

Roteiro3 – “A Groba Panorámica”

Deseñada para dar a coñecer o patrimonio natural de Baiona gozando da contorna panorámica da vila. O roteiro de 7 Km mostra a contorna marítima desde os mellores miradoiros do alto da Groba. Entre os puntos de interese polos que transcorre atópanse: miradoiro do Cortelliño, miradoiro Alto da Groba, A Gabiñeira, Granxa da Tomada, Fonte da Groba. Terá unha duración aproximada de 3 horas, a súa dificultade é moderada e está recomendada para maiores de dezaseis anos.

Roteiro4 – “A Groba Montañosa”

Deseñada para dar a coñecer o patrimonio natural de Baiona gozando da súa contorna. Este roteiro mostraranos as diferentes formacións e desniveis creados pola natureza e que dan forma a Serra da Groba. Terá unha duración aproximada de 3,5 horas, a súa dificultade é moderada e está recomendada para maiores de dezaseis anos. Entre os puntos de interese polos que transcorre atópanse: A Regueira Escura, Camiño Medieval, Calveiras, Floral da Groba, Pedra do Acordo, As Abrutias, Miradoiro Alto da Groba e Gabiñeira.