Grava & Polbo aproba con nota na súa primeira edición en Gondomar

FOTO: MARÍA MUIÑA // Os participantes da proba tomando a saída en Gondomar.

Tras aprazarse un ano pola pandemia do Covid-19, o Concello de Gondomar acolleu por fin este sábado a primeira edición da esperada Grava & Polbo. É a primeira vez que se celebra en Galicia unha proba exclusivamente para bicicletas gravel -con guiador curvo ao estilo do ciclismo de estrada de gran fondo, pero con cadro e rodas adaptadas para terreos fóra do asfalto- e o certo é que a acollida por parte dos amantes desta modalidade foi máis que positiva. En total, a proba contou con preto de 70 rexistrados vindos de diferentes puntos de Galicia e tamén de Asturias, Cantabria e Portugal.

Eran preto das oito da mañá cando comezaron a chegar os primeiros participantes á Praza Paradela do Concello de Gondomar para prepararse para arrancar a cita. Co obxectivo de evitar aglomeracións no comezo da proba, os participantes contaron con media hora -entre as oito e media e as nove- para cruzar a liña de saída en grupos de dous en dous, momento no que se activarían os chips para a cronometraxe.

Por diante, 100 quilómetros -54 para os que se decantasen por completar o percorrido curto no desvío situado no quilómetro 43- e 2.500 metros de desnivel polas estradas, pistas e carreiros dos montes de Gondomar, Vigo, Mos, Porriño e Tui. A choiva e a néboa non impediron que todos e cada un dos graveleiros gozasen ao máximo desta primeira edición de Grava & Polbo.

Así, despois de dúas horas e cincuenta e cinco minutos de roteiro, José Carlos Almeida de Jonis Bikes foi o primeiro en chegar á meta de entre os que optaron polo percorrido curto. Por detrás, a trece minutos e medio seguiulle Fernando César Míguez do club Tres Lunas Valdeorras e terceiro foi Nicolás Lorenzo.

Pola súa banda, o pelotón que completou os 100 quilómetros do percorrido fíxoo tamén de forma rápida co primeiro clasificado, Alejandro González do Xtremebike, cruzando a liña de meta cun tempo acumulado de catro horas e nove minutos. O segundo clasificado, Alejandro Fernández do C. C. Cidade de Lugo, chegou once minutos máis tarde mentres que Javier Laredo de Bici O Con foi terceiro cun tempo total de catro horas e vinte e catro minutos.

Unha vez terminada a proba, a experiencia continuou cun dos acenos de identidade da proba: o polbo. A poucos metros da meta os participantes puideron gozar dunha tapa e un refrixerio como broche final da cita.

A primeira edición de Grava &Polbo contou co patrocinio de Mavic, Giant España, Bici O Con e coa colaboración para a organización do Concello de Gondomar. Tamén colaboraron BiciSport, Aguas Mondariz, Frutas Nieves, Crown Sport Nutrition, Ciclismo a fondo, Bike, Pascual, CaffèMoccay, Bifrutas Pascual, SaúdeSport, Raúl Lamarca, Renault Rodosa, Rosquillas Cristaleiro, Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.