
A parroquia gondomareña de Peitieiros celebrou este mércores as súas festas patronais na honra de San Miguel. Ás 11:00 da mañá saíu desde o Barrio de Area o tractor de San Miguel, cargado con produtos do campo e animais con destino ao recinto parroquial de Peitieiros. Ás 12:30 horas comezou a Misa Solemne seguida de procesión acompañada polo carro de froitos e a Banda de Música Municipal de Redondela, que amenizou a continuación a sesión vermú.
Xa pola tarde, pasadas as 17:00 horas, comezaron as tradicionais “poxas” de San Miguel, que reuniron a centos de persoas no recinto parroquial de Peitieiros, con máscara e mantendo as distancias. Carlos Riveiro, coñecido por Carlos de Gondomar, foi o encargado das poxas. Durante máis de catro horas puidéronse adquirir multitude de produtos, entre os que destacaron dous cabritos, poxados por 100 e 106 euros, unha ovella por 90, ou unha parella de galos por 80 euros. Os pitos vendéronse por entre 40 e 50 euros e as plantas por entre 5 e 30. En total recadáronse preto de 2.000 euros.
Pola noite, a orquestra Marbella amenizou o fin de festa.