Voluntarios de Proxecto Ríos de Gondomar retiran unha tonelada de lixo do Zamáns e do Miñor

Un ano máis voluntarias/os de Proxecto Ríos de Gondomar participaron na limpeza simultánea “Móllate polos ríos” coordinada por Adega. 25 persoas entre nenos e maiores percorreron o último treito do río Zamáns e o primeiro do Miñor con saída ás 10:00 da mañá desde a Ponte do Matadoiro. Recolleron unha tonelada de lixo, sobre todo plástico, coma todos os anos, e cristal, varias rodas de diferentes tamaños e unha bicicleta pequena. En comparación con outros anos, o lixo xuvenil incrementouse considerablemente.

O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.