Nigrán habilita o seu segundo espazo de recreo para cans no núcleo urbano

O Concello de Nigrán vén de habilitar o seu segundo espazo específico de esparexemento para cans do municipio (o primeiro está na Ramallosa) no núcleo urbano de Nigrán, nunha parcela municipal fronte á nova Biblioteca, en Estrada pola Vía. Este ocupa 350 metros cadrados en forma cuadrangular e está pensado para que os animais poidan estar soltos sen necesidade de correa.

A superficie, de céspede natural, está sendo delimitada cun peche perimetral de malla metálica ríxida para garantir que os cans non escapen. Ademais, dotarase a zona de sanecáns para depositar os excrementos e, máis adiante, de bancos e elementos de distraccións específicos para estes animais. Un panel informativo recordará as normas de uso, que inclúen a recollida obrigatoria de excrementos ou que estea sempre vixiado polo seu dono.

O parque foi realizado por operarios municipais e requiriu de moi pouca intervención, xa que o Concello optou por reconverter esta zona de xardín infrautilizada neste novo uso. “Trátase dunha zona moi urbana onde había demanda por parte dos veciños dun espazo específico para cans”, explica o alcalde, Juan González.