COGAMI forma a persoas con discapacidade de Gondomar como expendedores de combustible

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) inicia en Vigo, no local da Cámara de Comercio situado en Avenida de República Arxentina 18A, un curso de Expedición de gasolina e manipulación de alimentos ao que asisten 14 persoas, 2 mulleres e 12 homes, todas elas con discapacidade recoñecida ou con incapacidade laboral para a profesión habitual.

Esta formación, financiada pola Fundación “la Caixa” en colaboración co Fondo Social Europeo (FSE), está enmarcada dentro do programa Máis Emprego, programa que ten por obxectivo o acceso ao mercado laboral por vez primeira e tamén a reciclaxe profesional.

O alumnado, que conta con idades comprendidas entre os 18 e os 59 anos, procede dos concellos de Vigo, Porriño, Tui, Poio, Salvaterra de Miño, Redondela, Gondomar, Marín e Cambados. De luns a venres, en horario de 9 a 14 horas, asistirá ás clases teóricas que contarán cunha duración de 30 horas nas que recibirá formación básica de expedición de combustible e atención ao público e poderá obter o certificado de manipulador de alimentos. O resto das horas da totalidade de 100 que contempla o curso, serán realizadas como prácticas en empresas nas zonas de residencia do alumnado, co fin de facilitarlle o contacto co tecido empresarial da zona e, polo tanto, de favorecer a súa inserción.

Antes do inicio, o alumnado cursou unha formación en informática de 20 horas que facilitará a realización de tarefas propias do posto e, tralo remate deste curso, recibirá un seminario complementario de mellora da empregabilidade, no que se lle facilitará información sobre ferramentas e técnicas para a posta en marcha da súa busca activa de emprego.

Programa Máis Emprego

COGAMI iniciou o programa Máis Emprego na provincia de Pontevedra en 2017, tendo por finalidade mellorar a inserción sociolaboral das persoas con discapacidade e/ou incapacidade laboral en situación ou risco de exclusión, promovendo a activación para a busca de emprego e o trazado de itinerarios integrados e personalizados de cara á inserción laboral.

Durante este 2021, foron 137 as persoas atendidas a través deste programa, 62 mulleres e 75 homes, coas que se está traballando na súa inserción sociolaboral, capacitándoas para a busca de emprego a través do trazado de itinerarios integrados e personalizados, como xa se fixo coas 480 persoas que xa pasaron por Máis Emprego, das que o 43% logrou a inserción laboral.