
As formacións locais de Podemos no Val Miñor continuarán coa iniciativa de recollida de sinaturas na que levan traballando dende finais de xullo, pola cal manifestan o escaso ou nulo investimento por parte do SERGAS no servizo de Atención Primaria, deteriorando así o Sistema Sanitario Público galego e tendo terribles consecuencias para a saúde da cidadanía.
O total de sinaturas recollidas achegarase a un escrito onde requirirán ao SERGAS que os centros de saúde recuperen a calidade asistencial perdida polos recortes dos últimos anos. Máis profesionais sanitarios e administrativos, cobertura de xubilacións e vacacións do persoal, volta total ás citas presenciais e a dotación aos centros de saúde do material necesario para o seu bo desenvolvemento, son as peticións que recollerá o escrito.