Inscricións abertas para participar no terceiro rastro familiar “MercadiYO” en Sabarís

O vindeiro domingo 19 de setembro, na Avda. Julián Valverde, en Sabarís, celebrarase a terceira edición do rastro familiar “MercadiYO”, festa da reciclaxe. Un bonito evento que ten por slogan “o que a ti che sobra, outros o necesitan”, no que os participantes expoñerán nos seus postos todo aquilo que se adoita gardar no rocho.

Esta actividade está dirixida a particulares, familias que desexan facer limpeza e desfacerse de todo aquilo que xa non usan e que, probablemente, nin lembraban que o tiñan gardado nalgún recuncho. Entre o que se poderá descubrir este domingo, 19 de setembro, están pezas de roupa, accesorios, aveños domésticos, obxectos persoais, xoguetes… que se teñen por casa e xa non se utilizan, pero poden ter unha segunda vida en mans doutra persoa.

Para a celebración desta terceira edición, a Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI) e a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sabarís (COEMSA) contan coa colaboración do Concello de Baiona, que acolleu con gran entusiasmo o evento. Desde as 11:00 ata as 21:00 horas os participantes instalaranse e venderán os seus “tesouros escondidos” ao longo da Avda. Julián Valverde.

Desde OVALMI e COEMSA convidan a non perderse este evento, no que se poderá gozar dunha bonita xornada de ambiente familiar e educativo na que os máis pequenos e os mozos poderanse concienciar da prolongación da vida útil das cousas, unha práctica que nun tempo pasado era bastante común e que cada vez está máis en desuso.

Os interesados en participar deberán cubrir a ficha de inscrición e enviala ao correo administracion@ovalmi.com.

FICHA_MERCADIYO_2021

BASES PARTICIPACIÓN MERCADIYO 2021