
O Partido Popular de Gondomar acusa ao alcalde de ocultar á oposición que había problemas na tramitación das obras do polígono de A Pasaxe logo dun recurso contencioso-administrativo interposto pola asociación plataforma de afectados polo polígono Garrida-Pasaxe (AGAPA). Segundo Paula Bouzós, o Alcalde Francisco Ferreira xa tivo coñecemento da admisión a trámite deste recurso o pasado 8 de xaneiro, pero sen embargo non informou á oposición en ningún momento, a pesar de que os demandantes pedían a paralización de todo o proceso por defectos na tramitación.
“No pleno celebrado o pasado 5 de novembro, a pesar de manifestarlle ao señor alcalde a falta de tempo para avaliar os expedientes tan importantes, o Partido Popular votou a favor do proxecto técnico e o expediente de contratación do mesmo como unha mostra de confianza nun goberno municipal e porque entendiamos que non se pode xogar cos postos de traballo de miles de veciños que teñen ou poden chegar a ter o seu centro neste polígono”, afirmaba Paula Bouzós voceira do Partido Popular de Gondomar.
No pleno do mes de abril, e tras a aparición nos medios de comunicación da noticia de que por parte de AGAPA se presentara o citado recurso, o Partido Popular preguntou por escrito si había algo que puidera poñer en perigo a tramitación do expediente da adxudicación das obras, “ao que o Sr. Ferreira contestou no mes de xullo que non había nada que puidera poñer en perigo dita tramitación”.
Paula Bouzós denuncia que o alcalde volveu mentir e ocultar información unha vez máis á oposición, aos empresarios e aos propietarios das parcelas afectadas, só polo afán de protagonismo individual e pensando nada máis que no seu beneficio particular. Engade que é unha pena que se tire por terra o traballo de tantas persoas, alcaldes e concelleiros que dende hai tempo levan traballando arreo para que o polígono avance e se poida ampliar no futuro. Recrimínalle tamén que dende que el está no goberno non tivera a decencia de falar con todas as partes afectadas, sobre todo coa Comunidade de Montes de Vincios, “cos que só se relaciona mediante decreto”.
“O Sr. Ferreira non pode xogar co futuro de Gondomar deste xeito, mentindo e ocultando a información á oposición, aos empresarios, aos propietarios afectados e aos veciños en xeral, cada vez con máis asiduidade”, remata dicindo Paula Bouzós.