O 36º Trofeo Príncipe de Asturias decidirase na xornada final

Por fin portouse o vento coa frota participante no 36º Trofeo Príncipe de Asturias organizado polo Monte Real Club de Yates e a Escola Naval Militar co patrocinio de ABANCA. Este sábado, con todas as categorías participantes xa en liza e os equipos dispostos a abrir os marcadores que non puideron inaugurarse na primeira xornada, o comité de regatas puido dar o bocinazo de saída cun vento de compoñente oeste-noroeste que oscilou entre os cinco e os doce nós. Magical, Aceites Abril, Bosch Service Solution, Maracaná I, Chispa Nejra, Salseiro, Okofen e Erizana son os oito equipos que afrontarán este domingo a xornada final desde o máis alto do podio.

Coa primeira saída programada ás doce do mediodía para todas as clases, a frota tivo que esperar de novo este sábado a que o vento se decidise a entrar. Finalmente, pouco antes das dúas da tarde o comité puido arrancar a competición cun percorrido costeiro para os cruceiros de ORC 5 e Especial, dous barlosotas para os barcos de maior eslora e tres para J80 e Ladies Cup.

Na categoría Aceites Abril ORC 1 só dous puntos separan aos tres equipos que ocupan o podio provisional, quedando todo aberto para a xornada final. O defensor do título, o Magical de Julio Rodríguez (RCN Vigo), estrea a clasificación liderando cun segundo e un primeiro nas dúas probas disputadas, seguido a só un punto polo Solventis de Malalo Bermúdez de Castro (MRCYB) cun triunfo na primeira proba e un terceiro na segunda. Moi preto, a dous puntos do Magical e un do Solventis, pecha o podio o Xekmatt de José Carlos Prista (ANL).

Os dous triunfos do día para a frota de Nacexa ORC 2 repartíronllos o Aceites Abril de Luis e Jorge Pérez Cansl (RCN Vigo) e o Marías de Manuel María Cunha (MRCYB). Os irmáns Pérez Canal sumaron, ademais, un segundo na primeira proba que permite ao equipo dos ourensáns situarse no máis alto da clasificación mentres que o Marías, cun quinto na segunda proba, sitúase terceiro. No segundo caixón, cuns parciais 3-2, atópase o Arroutado de José Manuel Pérez (RNC Portosín).

Máis claras estiveron as cousas en Volvo Autesa ORC 3. O Bosch Service Solution de Ramón Ojea (CM Canido) foi o mellor da xornada con dúas vitorias nos dous barlosotas completados. Por detrás, con dous segundos, séguelle o Urbapaz de Fran Edreira (CM A Penela) en segunda posición e terceiro, cuns parciais 3-3, sitúase o Eleko-Mambo de Carlos Sampedro, tamén do CM A Penela.

Na categoría Martin Miller ORC 4 a clasificación estréase co Maracaná I de Luis Suárez (Marítimo de Panxón) no máis alto da táboa tras sumar un terceiro e un primeiro nas dúas probas disputadas. Na segunda posición, o Sadamar Alma do Mar de Nito Enríquez (CM A Penela) e terceiro marcha o Orión de Javier Pérez (MRCYB) cun primeiro e un sexto na súa marcadora.

Pola súa banda na categoría Gadis ORC 5, que foron os primeiros en escoitar o bocinazo de saída xunto cos Open para un percorrido costeiro de case dez millas, o Chispa Nejra de José Rey (CN Beluso) foi o mellor da xornada logrando facerse coa vitoria da proba. Os de Rey investiron un total de dúas horas e catro minutos ata cruzar a liña de chegada, logrando así unha vantaxe de máis de tres minutos sobre o Marcolfo de Antonio Gómez (RCN Vigo), que se coloca na segunda posición da táboa. Por detrás, ocupa a terceira posición o Cinco Islas Albariño de Iñaki Carbajo, representando tamén ao Club Náutico de Beluso.

En SH Robotics ORC Open, claro dominio do coruñés Salseiro de Manuel Blanco, que venceu este sábado tanto en tempo real como en compensado e finalizou o percorrido cunha vantaxe de ata vinte e tres minutos en tempo real sobre o segundo clasificado. O Nahela de Víctor Manuel Álvarez (CN Alagua) afrontará a xornada final desde a segunda posición e terceiro é o Villlano de Luís Bodelón (RCN A Coruña).

Na clase Open tamén saíu a navegar este sábado o Txole, un barco do Monte Real Club de Yates cunha tripulación de ASEM Galicia, a Asociación Galega contra as enfermidades neuromusculares. Trátase dun proxecto de inclusión social e deportiva posto en marcha grazas á colaboración do Monte Real e a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

Para estes regatistas, a participación no Trofeo Príncipe de Asturias supón a posta a proba das habilidades e coñecementos adquiridos, durante catro tempadas, na Escola de Vela Adaptada do club. Simboliza tamén un paso adiante na eliminación de barreiras e prexuízos cara ás persoas con discapacidade.

Mentres, no campo de regatas de Solventis J80 a segunda xornada do Príncipe de Asturias provocou un envorco na xeral, que continúa en grao sumo apertada para os catro primeiros clasificados. O Okofen de Javier de la Gándara sumaba este sábado un terceiro, un cuarto e un primeiro que permitía ao representante do MRCYB asaltar o liderado provisional cun punto de vantaxe sobre o Etnia Barcelona de Peru Múgica (RCM Santander), que sobe dous postos e colócase no segundo caixón do podio. Por detrás, A Galera de Miguel Fernández (RCN A Coruña) continúa ocupando a terceira posición da xeral mentres que o Alboroto-Maui Jim de Juan Carlos Ameneiro (MRCYB) pasa da primeira á cuarta posición tras verse penalizado por un fóra de liña na terceira e última proba do día.

Para a frota da prestixiosa Gestilar Ladies Cup, con todo, non houbo cambios no liderado co Erizana de Sara Carmo (Mariña Burriananova – Som Vela) achegándose cada vez máis ao triunfo dunha competición que cumpre 25 anos dentro do Trofeo Príncipe de Asturias.

As de Carmo lograron anotar dous segundos e unha vitoria parcial, aumentando a súa vantaxe ata os catro puntos sobre o Serralleiras de Eva González (RCM Santander) e seis sobre o Tutatis de Helena Alegre (RCN Palma), segundas e terceiras respectivamente.

Mañá domingo, terceira e última xornada de regatas nas Rías Baixas. As últimas probas que quedan por disputarse serán as encargadas de decidir aos vencedores do Trofeo Príncipe de Asturias, e aínda que todo dependerá das condicións de vento, o comité conta con poder comezar as probas a partir das 12:00 horas para todas as clases. Pola tarde, ás seis e media, a entrega de trofeos poñerá o broche final á prestixiosa cita baionesa.