Que empece a festa… da vela

O tradicional sorteo de barcos para a Gestilar Ladies Cup marcou este xoves en Baiona o final dos preparativos do Trofeo Príncipe de Asturias e deixou todo listo para que este venres poida empezar a cita máis esperada da tempada de cruceiros en Galicia. A competición organizada polo Monte Real Club de Yates e a Escola Naval Militar co patrocinio de ABANCA, cumpre a súa trixésimo sexta edición reunindo a máis de 400 deportistas nunhas regatas limitadas á participación de 75 veleiros a causa do COVID19.

Desde a organización decidiuse establecer ese límite (o ano pasado limitouse a 70) para garantir a seguridade dos participantes, nunha edición na que tampouco haberá os tradicionais almorzos, ceas e fogos artificiais para evitar aglomeracións e garantir o control de aforos.

Si se celebrarán, aínda que con controis de seguridade, as galas de entrega de premios aos gañadores do Príncipe, o domingo ás seis e media tarde; e a dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda, o sábado ás oito da tarde. Esta última, que será retransmitida en directo pola Televisión de Galicia, reunirá a cinco deportistas olímpicos, entre os que se atopan os gañadores das medallas españolas de vela: Jordi Xammar, Nico Rodríguez e Joan Cardona.

Entre os participantes desta nova edición do Trofeo Príncipe de Asturias estarán as mellores tripulacións galegas e algunhas das máis destacadas do panorama náutico español e portugués, así como os gañadores da última edición, que aspiran a repetir título.

Un deles é o Magical de Julio Rodríguez, vencedor da competición en 2020 na clase ORC2. A tripulación do Swan 42 vigués volve ao Príncipe co obxectivo de revalidar triunfo, algo que lle poñerá difícil, seguro, o Aceites Abril dos irmáns Luís e Jorge Pérez Canal. O Red Devil dos ourensáns está a ser, sen dúbida, o barco máis destacado da tempada en augas galegas e todo apunta a que dará moita guerra no Príncipe. Aos “abrís”, que veñen de gañar o seu quinto Conde de Gondomar e as súas sexta Rías Baixas, sóubolles a pouco o segundo posto logrado no último Príncipe e tratarán de encadear unha nova vitoria no seu gran palmarés de 2021.

Botarase en falta na competición deste ano á expectativa de José Luis Freire, outro dos habituais na cita do Monte Real, que este ano ten a parte da súa tripulación competindo en Europa e non poderá estar no Príncipe. Si estarán, entre os grandes barcos, varias tripulacións con acento portugués: o Yess Racing, de Rui Ramada; o Xekmatt, de José Carlos Prista; o Yess Too, de Carlos Morgado; o Another Five, de Nuno Vasconcelos; ou o Marías, de Manel Cunha. O Solventis de Alberto Mouro, o Arroutado de José Manuel Pérez, o Mirfak de Diego López ou o Corsario de Jorge Durán serán outros dos barcos de maior eslora que veremos pelexando polos postos de podio.

Outro dos grandes veleiros do Príncipe, o espectacular Txole (un Dehler 47), será este ano o barco destinado polo Monte Real Club de Yates a un grupo de alumnos da súa Escola de Vela Adaptada para persoas con diversidade funcional que sairán a navegar os días do trofeo. Son membros de ASEM Galicia, a asociación galega contra as enfermidades neuromusculares, e contan co apoio da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

Na frota de 75 barcos da competición estarán representados gran parte dos clubs náuticos galegos. Os de Baiona, Vigo e Coruña son os que máis veleiros terán entre os participantes, pero tamén haberá tripulacións de Panxón (Maracaná), Combarro (Mar de Frades), Castrelo de Miño (La Burla Negra), Rodeira (Balea Dous), Canido (Bosch Service Solutions), A Guarda ( Nahela) ou Portonovo (Petrilla), entre outras moitas.

Dos barcos non galegos, os portugueses volven ser, sen dúbida, os máis multitudinarios, aínda que este ano haberá tamén equipos de Santander, Cantabria, Madrid, Mallorca ou o País Vasco. Estarán, sobre todo, na Gestilar Ladies Cup, o apartado feminino do Príncipe no que se volven a reunir 6 tripulacións de mulleres para competir en 6 barcos idénticos con 6 regatistas a bordo. As aspirantes ao título son este ano tan especial (a competición cumpre 25 anos de vida) os equipos liderados por Carmen Galdós, Helena Alegre, Eva González, Laura Gil, Cristina Ozores e pola recente gañadora da Copa do Rey de vela, Nuria Sánchez.

Competirán a bordo de Fígaros Beneteau, un dos dous monotipos do Príncipe xunto cos J80, que volve ser, unha vez máis, a clase máis numerosa da competición. Entre os 8 metros veremos ao Okofen de Javier de la Gándara, que busca colgarse de novo os loureiros, tanto de gañador do trofeo como os de mellor J80 da tempada.

O 36º Trofeo Príncipe de Asturias desprega as velas este venres coa primeira xornada de competición e un programa especial de radio que Onda Cero emitirá desde o Monte Real Club de Yates. O sábado disputaranse as probas da segunda xornada e celebrarase a gala de entrega dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda, que será retrasmitida en directo pola web da Televisión de Galicia e reunirá a cinco deportistas olímpicos, entre eles, os gañadores das medallas españolas. O domingo, último día desta edición de 2021, está reservado para as regatas definitivas e a entrega de premios aos gañadores.