O Vigo-Rías Baixas inicia en Cantabria o seu repóker de voltas no mes de setembro

Cinco voltas en 25 días. O Vigo-Rías Baixas afronta en setembro o bloque máis frenético do seu calendario. Un carrusel de probas por etapas que a estrutura Elite-Sub23 presidida por José Luis Chamorro inicia este xoves en Cantabria.

Con dez vitorias parciais na súa marcadora da tempada 2021, o conxunto flúor buscará incrementar a súa conta de éxitos aliñando xuntos na rolda cántabra ao seu “pichichi” e ao seu xefe de filas. O sprinter Miguel Ángel Fernández, que suma catro triunfos e que corre en casa, e Benjamí Prades, lucindo a camisola de campión de España Elite, estarán á fronte da formación que dirixe Marcos Serrano. O “seis” do Vigo-Rías Baixas para esta proba de tres días complétano Ander del Castaño, Max Williamson, Álvaro Carasa e Asier González.

Unha etapa crebada entre Solla e Maliaño, con catro portos de 3ª categoría nun percorrido de 150 quilómetros, designará ao primeiro líder da Volta Ciclista Cantabria Internacional. Un perfil similar espera aos corredores na segunda xornada, de 135 km, con inicio e final en Vioño. O gañador definitivo da xeral coñecerase o sábado á conclusión da xornada máis esixente: Puente Viesgo-Cuevas del Monte Castillo, un traxecto de 148 km que finaliza nunha subida de 3ª categoría e que tamén inclúe os ascensos de 2ª ao Caracol e La Braguía.

Tras abrir o mes nunha rolda que reúne a 28 equipos españois e á selección de Xapón, o intenso calendario do Vigo-Rías Baixas continuará a próxima semana coa Volta a Salamanca (do 5 ao 7) e a Volta Ciclista á Provincia de Valencia (do 9 ao 12). A seguinte cita será unha das máis especiais para a escuadra olívica, a Volta a Galicia (do 16 ao 19), e este repóker de carreiras por etapas deseñado pola dirección flúor vivirá o seu último capítulo na Volta a Estremadura (do 24 ao 26).