O servizo de transporte de bicicletas de Correos crece un 50% en Galicia este ano

O servizo de transporte de bicicletas de Correos, Paq Bicicleta, creceu este ano un 50% en Galicia con respecto ao ano anterior. O incremento de mobilidade está a propiciar que as persoas afeccionadas trasladen as súas bicicletas aos seus destinos de vacacións, ben para iniciar o Camiño de Santiago, roteiros ciclistas ou simplemente para utilizalas durante os seus períodos de descanso, servíndose da opción que ofrece Correos.

Mediante unha embalaxe específica, a empresa loxística traslada estes vehículos desde as oficinas de Correos a calquera oficina de España ou de Europa. Desde que Correos incluíu este tipo de envío na súa carteira de servizos o uso desta opción foi crecendo ano a ano na comunidade autónoma. En Galicia, a oficina principal de Correos de Santiago de Compostela e a oficina de Fisterra son desde as que máis se demanda este servizo.

As embalaxes para estes vehículos miden 150 por 30 por 90 centímetros. As bicicletas permanecen na oficina de destino elixida durante 15 días. A tarifa do envío inclúe seguro de 300€ ampliable ata 6.000€ para destinos nacionais.

Este servizo é especialmente útil para as persoas que realizan o Camiño de Santiago xa que Correos permite achegar as bicicletas ás oficinas situadas no punto do roteiro xacobeo que elixan os peregrinos.

Consigna para bicicletas en Santiago de Compostela

Correos tamén conta en Santiago de Compostela, na súa oficina de Rúa do Franco, 4, cunha consigna de bicicletas e equipaxes a dous minutos da Praza do Obradoiro, para que os visitantes poidan gozar da cidade sen cargas.

Ademais, Correos pon ao dispor de todos os peregrinos servizos específicos para resolver as súas necesidades de transporte, como o Paq Mochila para o traslado de equipaxes de etapa en etapa ou o Paq Peregrino para o envío de maletas e paquetes a calquera punto do Camiño de Santiago.

Toda a información sobre estes e outros servizos de Correos para o Camiño de Santiago está dispoñible na páxina web http://www.elcaminoconcorreos.com, onde o peregrino tamén poderá atopar onde durmir nun buscador con máis de 4.000 aloxamentos, descrición dos Roteiros Xacobeos máis populares e máis de 300 consellos de que ver e facer no Camiño por parte dos carteiros.