O Centro Cultural A Merced de Chaín retoma todas as súas actividades

FOTO: CENTRO CULTURAL "A MERCED" DE CHAÍN

Despois de que a pandemia paralizase e cambiase moitos dos hábitos que tiñamos na nosa vida cotiá, este mes de setembro, o Centro Cultural A Merced de Chaín aposta por volver retomar todas as actividades que se levaban a cabo con asiduidade ata hai ano e medio.

As opcións son variadas, ás actividades de baile galego, gaita e percusión tradicional, coral polifónica, teatro e rondalla, este ano suman dous novos proxectos que comezarán en outubro, que son, clases de pintura, para todas as idades, impartidas polo artista novel Elio Salgueiro, e a creación dun grupo vocal para rapazas e rapaces de 12 a 22 anos.

Animados e ilusionados por devolverlle a vida cultural ao Centro, agardan que a xente se anime a participar, para iso organizan unhas xornadas de portas abertas, en horario da actividade, durante a primeira quincena de setembro, onde calquera que teña curiosidade poderá acudir a probar de maneira gratuíta.