A Xunta citará para vacinarse contra a covid-19 ás persoas que xa superaron a enfermidade

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou esta mañá en rolda de prensa, de que a Xunta de Galicia comezará a citar ás persoas que xa pasaron a enfermidade da covid-19, para recibir a primeira, ou a segunda dose, da vacina.

O anuncio prodúcese logo de que o Ministerio de Sanidade reducise o prazo de espera necesario para vacinar a aquelas persoas que superaron o coronavirus, e que, até o de agora estaba fixado en seis meses.

García Comesaña convidou a toda a poboación que aínda non recibíu ningunha das doses contra a covid-19 a facer uso do sistema de autocita habilitado pola Xunta de Galicia, para as persoas maiores de 20 anos.

Neste senso, Sanidade habilitou 30.000 ocos de autocita destinados ás persoas que superen esa idade e estean sen vacinar. O conselleiro de Sanidade precisou que en Galicia soamente o 8% da poboación diana todavía non foi vacinada “un bo dato, que sitúa á comunidade galega entre as que máis poboación vacinou”, co 91,2% da poboación diana con alomenos unha dose. Con todo, abundou o conselleiro, “aspiramos a acadar o 100% da poboación vacinada”.

Sobre a evolución epidemiolóxica de Galicia, Garcia Comesaña salientou que “seguimos a observar un descenso da curva que agora vai a un ritmo máis apresurado que semanas atrás”. Nesta liña, apuntou que a incidencia acumulada en Galicia é de 106 casos a 7 días, e de 259, na súa análise a 14 días. En ámbolos casos, as cifras reflicten un número inferior á metade de casos activos, na súa comparativa cos datos de hai un mes.

O responsable de Sanidade informou que o 95,7% da poboación maior de 40 anos xa conta coa pauta completa de vacinación e que, 150.000 mozos e mozas con idades comprendidas entre os 12 e os 19 anos (85% deste grupo etario) xa recibiron alomenos a primeira das doses.

Sobre a reunión mantida esta mañá cos responsables da hostelería galega, o conselleiro de Sanidade cualificou a xuntanza de “moi frutífera”, agardando que nos próximos días se poida consolidar un “documento de consenso estable”, que satisfaga tanto as necesidades sanitarias, como as do sector hostaleiro.

Respecto de situación epidemiolóxica en Galicia, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, cualificou que a súa evolución segue a ser “favorable”. Así, enumerou algúns dos indicadores que amosan esta boa progresión. Entroutros, o número reprodutivo instantáneo continúa por debaixo de 1 en todas as áreas sanitarias e, a taxa de positividade descendeu até o 7,84%.

No que atinxe á situación asistencial dos hospitais galegos, o xerente do Sergas, José Flores, subliñou que “a baixada da presión asistencial é paralela á situación epidemiolóxica galega”. Con todo, lamentou que “tras pasar dous meses o número de persoas ingresadas segue a ser considerable”. Porén, o doutor Flores, convidou á poboación a vacinarse e a seguir a cumprir as normas sanitarias establecidas, pois “non podemos normalizar as cifras de casos activos, nin a de persoas ingresadas que temos nos hospitais galegos”.